Blogia
AGRUPACIÓN PARQUISTAS DE CARRIL

Os parquistas cren que as cámaras non van solucionar o problema dos furtivos

Os parquistas cren que as cámaras non van solucionar o problema dos furtivos

José Luis Villanueva criticou á administración tralo anuncio realizado por Fernando Franco, patrón maior de Carril, de que ata o próximo ano non se poderán instalar cámaras de vixilancia nos parques, porque ao seu entender non se están poñendo todos os medios necesarios contra esta lacra

José Luis Villanueva, presidente da Asociación de Parquistas de Carril, comentou as impresións do colectivo ao que representa tras darse a coñecer a noticia de que ata o próximo ano non vai ser posible que se faga efectiva a instalación de cámaras de vixilancia nos parques, destacando que “isto non vai arranxar o problema, inda que si que é parte da solución”.

“Hai que distinguir entre dous tipos de subvencións, as que se outorgan para o marisqueo e as de parques de cultivo, que son doutro tipo. Polo tanto, hai que enfocalo desde aí, hai que adaptarse ás necesidades”, explicou José Luis Villanueva en alusión ás declaracións de Fernando Franco, patrón maior de Carril que indicou con anterioridade que ata o próximo ano non se poderán instalar cámaras de vixilancia no parque debido a que a oferta máis barata recibida das empresas interesadas rolda os 100.000 euros, cantidade inviable economicamente sen a axuda das administracións.

José Luis Villanueva insistiu en que a solución ao problema do furtivismo pasa pola coordinación de todos os esforzos nunha mesma liña de actuación, “para lograr acabar cos furtivos é necesario ser valente, xa que desde a Administración non se poñen todos os medios. As cámaras están ben, é unha boa idea, pero se non hai un servizo de inspección detrás as 24 horas do día, non serven para nada porque as cámaras romperanas e xa está”.

Outro motivo que argumenta José Luis Villanueva para que a Administración tome de inmediato cartas no asunto radica en que “é tan culpable o que rouba como o que compra o material roubado, xa que é cómplice do delito e ademais lúcrase economicamente ao compralo máis barato. É por iso que a administración debería ir detrás destas persoas, porque sempre son os mesmos. Se non houbese compradores non habería furtivos”.

Fuente: Diario de Arousa

 

0 comentarios