Blogia
AGRUPACIÓN PARQUISTAS DE CARRIL

Mar defende en Bruxelas a excepcionalidade do sistema galego de depuración de moluscos

Mar defende en Bruxelas a excepcionalidade do sistema galego de depuración de moluscos

Representantes da Consellería do Mar defenderon en Bruxelas a excepcionalidade do sistema de depuración de moluscos galego. Así o expresaron onte o secretario xeral da Consellería do Mar, Francisco Vidal-Pardo, e o director xeral de Competitividade e Innovación Tecnolóxica, Juan Maneiro nunha xuntanza co xefe da unidade de Hixiene Alimentaria da DG SANCO, Koen Van Dyck. Posteriormente, os dous representantes da Consellería do Mar mantiveron un encontro co director de área da DG MARE, Ernesto Penas.

Na xuntanza con Van Dyck, o secretario xeral e o director xeral interesáronse polas últimas novidades e polo calendario a aplicar no novo modelo de parámetros e método analítico para as biotoxinas que propón a UE.

Francisco Vidal e Juan Maneiro reiteraron que se trata “dun método non validado internacionalmente” e reafirmaron a oposición do Goberno autonómico, xa que segundo recalcaron “carece dos fundamentos sanitarios esixibles”.

Ao respecto Francisco Vidal propuxo á DG SANCO un cambio de orde nos pasos para conseguir unha maior garantía sanitaria, de xeito que o método sexa primeiro validado internacionalmente e logo se aplique e non ao revés como propón a UE”.

Ademais Juan Maneiro lembrou que sen estar validado, o método prexudicaría ao sector marisqueiro e mexilloeiro galego, xa “que podería impedir a extracción e dificultar moito a actividade comercial”.

Outro dos temas tratados e de gran interese para Galicia foi o da moratoria para as zonas de produción C, na que está a traballar a Xunta para poder comercializar marisco en fresco tras un proceso de depuración intensivo. Esta proposta xa foi trasladada a Bruxelas a través da Secretaría Xeral do MARM. Na reunión, Vidal-Pardo e Maneiro apelaron á “excepcionalidade do sistema depurativo galego” que garante que o produto das zonas C chegue ao consumidor “sen ningún risco para a saúde”.

Fuente: Diario de Arousa

0 comentarios