Blogia
AGRUPACIÓN PARQUISTAS DE CARRIL

Os parquistas impulsan un centro de control que garanta a trazabilidade da súa ameixa

Os parquistas impulsan un centro de control que garanta a trazabilidade da súa ameixa

A Agrupación de Parquistas de Carril traballa nun proxecto para certificar a calidade e a trazabilidade do produto dos viveiros, unha iniciativa coa que se pretende prantar cara ante o abundante “gato por lebre” que hai nos mercados con respecto á ameixa de Carril.

O presidente desta agrupación, José Luis Villanueva, resumiu a intención deste proxecto: “Queremos poñer en marcha un centro de control nos parques que se encargue de controlar que a semente que chega aos viveiros sexa de calidade, certificada e totalmente identificada. E, así mesmo, que a produción que saia de aquí teña trazabilidade que garanta a súa orixe”.

Unha iniciativa ambiciosa e importante, recoñece Villanueva, que está en elaboración e da que xa foron informados representantes da administración autonómica polo propio colectivo de parquistas carrilexo.

A Agrupación ten claro que este centro de control suporía unha ventaxe para este sector, que da emprego a unhas 600 familias. “Non só dotaría de valor engadido ao noso produto, algo moi importante ante o mercado, senón que, o que é máis importante, o consumidor tería a garantía total de que o que ten nas mans é ameixa de Carril”.

Para José Luis Villanueva “non pode ser que atopemos por todos os lados á venda ameixa que se vende coma se fose de carril, cando non é tal”, o que considera un fraude ao consumidor.

Os parquistas ven a posta en marcha deste sistema de control e de trazabilidade coma un proxecto viable e positivo. Conscientes de que a “ameixa de Carril” é unha “marca” con enorme prestixio e coñecemento no mercado español, saben que non poden permitir que se siga a vender como tal un produto que non é cultivado nas augas dos viveiros carrilexos.

 

Compromiso > Os parquistas carrilexos ven na sementeira de cría nos viveiros o primeiro paso a controlar, na liña de garantir que esa semente reúne condicións de calidade e garantía.

Os parquistas de Carril realizaron a mediados de abril a súa primeira sementeira de cría de ameixa do ano, unha tarefa que neste exercicio se desenvolveu un pouco máis tarde do habitual, debido aos temporais e mal tempo que presideu a Ría de Arousa nas últimas semanas.

Un pedido de en torno ás oito millóns de unidades de ameixa xapónica, feito pola Agrupación de Parquistas de Carril á empresa de confianza coa que traballan, Tinamenor (Cantabria), foi servida o 13 de abril a uns 60 propietarios de viveiros de cultivos de bivalvos, que procederon á súa posterior sementeira.

Desde este colectivo, o seu presidente, José Luis Villanueva, incidía nese día en que esta semente de ameixa xapónica tiña “toda a garantía e calidade” necesarias, procedendo, asemade, dun suministrador de confianza e co que nunca se rexistrou problema algún. Un dato a ter en conta nun mercado, como o da cría de ameixa, onde o “gato por lebre” ao consumidor non é estrano. Algo que, remarcan desde a agrupación, non acontece nos parquistas carrilexos, que avogan por ofrecer o mellor produto.

As crías de xapónica sementadas onte teñen entre 9 e 11 milímetros de tamaño, e terán que pasar preto de dous anos ata que acaden a súa talla comercial. Daquela, este produto (engordado na riqueza das augas de Carril) terá o sabor e o recoñecemento característico.

Desde a Agrupación de Parquistas de Carril sinalan que os pedidos de semente para este ano en curso rondan os 60 millóns de unidades de ameixa.


Fuente: Diario de Arousa

0 comentarios