Blogia
AGRUPACIÓN PARQUISTAS DE CARRIL

Os parquistas advirten que farán a revisión dos viveiros pola súa conta se Mar non move ficha

Os parquistas advirten que farán a revisión dos viveiros pola súa conta se Mar non move ficha

Á Agrupación de Parquistas de Carril estáselle a agotar a paciencia. Tras case 20 anos de proceso de revisión dos viveiros de cultivos, “e cando parecía que estabamos na recta final para solucionar a situación”, en palabras do presidente deste colectivo, José Luis Villanueva; a parálise da administración está a xerar un gran descontento entre os propietarios das concesións administrativas.

De feito, desde a propia Agrupación afirmábase esta semana que “se isto continúa así, asumiremos nós mesmos pola nosa conta o proceso de revisión dos parques”. Unha proposta “que de manterse esta parálise por parte da administración teremos que calibrar seriamente na xunta directiva da agrupación e pedir para esa revisión a colaboración de Costas del Estado”.

Villanueva lembra que a última xuntanza da comisión de revisión dos parques de Carril (conformada por agrupación, Confraría e Xunta) celebrouse en setembro de 2002. “Estamos a falar dun sector, os parques, no que traballan 600 familias, e a algúns parece que pouco lles importa que estemos sen completar un proceso que é importante”, indicou o presidente da Agrupación.

Villanueva, que recoñece “estar defraudado coa actitude das administración nestes anos”, califica de “vergoña” o que está a acontencer (ou máis ben, non acontece) coa revisión dos parques.

“Temos pedido por activa e pasiva que se encare xa a recta final da revisión, que só quedan un 30% dos parques por pasala, e mesmo adquirimos un equipo profesional para proceder a facer as medicións e traballos, pero nada”, lamenta Villanueva,

Desde este colectivo lémbrase que “temos que pagar un canon de ocupación polos parques, e é xusto que teñamos que pagar polos metros que explotamos. Pero sen revisión iso non é posible”.

 

Compromiso > O presidente da Agrupación de Parquistas de Carril, José Luis Villanueva, asegura que “cónstanos que por parte de Costas hai unha disposición total” para proseguir co proceso de reordenación dos parques de cultivo.

Por iso queren que desde a administración autonómica tamén se asuman responsabilidades e se poñan “mans á obra” para finalizar un proceso que mantén en vilo a un número importante de propietarios de viveiros.

Desde este sector lémbrase que supoñen un importante motor económico e laboral en Carril e no seu entorno.

Neste sentido, a lonxa de Carril facturou preto de 570.000 euros no primeiro trimestre deste ano, o que supón un incremento con respecto ao volume de negocio dos tres primeiros meses de 2009 (514.000 euros), segundo os datos da Plataforma Tecnolóxica de Pesca.

Fuente: Diario de Arousa

0 comentarios