Blogia
AGRUPACIÓN PARQUISTAS DE CARRIL

A Xunta outorgará aos titulares provisionais dos parques de cultivo de Carril as concesións definitivas para o desenvolvemento da súa actividade

A Consellería do Medio Rural e do Mar está a iniciar o envío do borrador do Decreto dos parques de Carril ao sector, de cara a obter o máximo consenso

A Xunta está a elaborar toda a regulamentación necesaria para que, unha vez rematada a fase de regularización contemplada no borrador de Decreto, se establezan as condicións de desenvolvemento dos cultivos nos parques


Santiago, 18 de xullo de 2012.- A Consellería do Medio Rural e do Mar comezou a enviar aos titulares provisionais de autorizacións nos parques de cultivo de Carril o borrador do decreto que substituirá ao que está na actualidade en vigor. Este envío realízase para que os parquistas realicen as consideracións oportunas co fin de consensuar a futura normativa que regulará as concesións. O sector ten de prazo ata o vindeiro 9 de agosto para facer as súas achegas ao borrador.

O futuro decreto regulará a situación administrativa da titularidade das parcelas co outorgamento das concesións definitivas para o desenvolvemento da actividade nestas parcelas. A normativa recoñecerá os títulos que amparan o desenvolvemento da acuicultura nos parques de cultivo de moluscos de Carril aos titulares das autorizacións provisionais ou de concesións que habiliten o exercicio da acuicultura.

Outra das cuestións que contempla o borrador de decreto é o outorgamento das concesións para a explotación das parcelas declaradas vacantes. Neste procedemento a Consellería do Medio Rural e do Mar adoptará as medidas oportunas en consonancia co establecido na Lei de Pesca de Galicia e atendendo en todo caso aos principios que deben rexer o procedemento.

Estas medidas que conforman o borrador de decreto adóptanse atendendo á información recollida ao longo do tempo sobre os parques de cultivo de Carril e a criterios técnico-xurídicos que demostran que o procedemento de reordenación é complexo e que a súa materialización non contribuiría a mellorar substancialmente o potencial produtivo.

Próximos pasos e obxectivo
A Xunta está a elaborar toda a regulamentación necesaria para que, unha vez rematada a fase de regularización contemplada no borrador de Decreto, se establezan as condicións de desenvolvemento dos cultivos nos parques, co fin de aplicar a lexislación en vigor en eidos tan importantes coma son a comercialización, a sanidade animal, a saúde pública ou a rendibilidade económica. Ademais procurarase a incorporación de novos métodos e tecnoloxías nos propios cultivos co fin tanto de aumentar o seu potencial produtivo coma de salvagardar e difundir a recoñecida calidade dos moluscos producidos nos parques de Carril.

Co futuro decreto a Consellería do Medio Rural e do Mar organizará os arredor de 1.200 parques de cultivo existentes en Carril, de xeito que se poida seguir producindo a mellor ameixa e co mellor marco regulador. Con este documento preténdese regular o proceso e asegurar o futuro e a viabilidade da actividade nos parques de cultivo ao tempo que se dispoñerá de seguridade e firmeza administrativa para as concesións.

0 comentarios