Blogia
AGRUPACIÓN PARQUISTAS DE CARRIL

A Festa da Ameixa esgota pola mañá os 2.000 quilos previstos e precisa de 300 máis para a tarde

A Festa da Ameixa esgota pola mañá os 2.000 quilos previstos e precisa de 300 máis para a tarde

Jesús Paz fixo mención especial no seu pregón ao ben que casa a ameixa de Carril con todo aquelo que toca, sexa cal sexa o acompañante. Onte, durante a decimosexta exaltación deste produto local, tamén o tempo quixo unirse á ameixa e celebrar xunto aos miles de persoas congregadas na Alameda un dos eventos gastronómicos de maior calidade de cantos se celebran na Ría de Arousa.

Con estes ingredientes, máis os que os expertos cociñeiros lle botaron aos suculentos pratos de ameixa e berberecho, a festa volveu a ser un ano máis un grande éxito de asistencia. Xa a primeira hora as colas para coller os tickets eran impoñentes e non era raro ter que agardar máis de trinta minutos dende a chegada á Alameda ata coller o prato e a mesa.

O resultado? Todo o produto esgotado na xornada matutina, tanto a ameixa como o berberecho. Isto obrigou á organización a buscar con urxencia 300 quilos máis de babosa para abastecer á xente que asistiu pola tarde.

Pregón > Antes de que todo eso pasara foi momento do protocolo. No parque carrilexo congregáronse personalidades como a ministra Elena Espinosa, que tivo un papel secundario durante a velada, a conselleira Carmen Gallego, gran mestra da Orde da Ameixa, que foi a encargada de nomear á dama e ao cabaleiro e premiar aos galardoados, a alcaldesa, Dolores García, boa parte da Corporación, con maioría de presenza popular, e o presidente do Porto, Javier Gago.

O seu antecesor, Jesús Paz, agora en Vigo, foi a quen lle correspondeu a honra de ler o pregón. A súa lectura tivo referencias á infancia “cando eu pedía ir a Carril a comer ameixas e a miña nai me dicía que só iriamos se pronunciaba ben “ameixa” e “Carril”. Eu dicía “Caghil”, pero con esforzo conseguía pronuncialo ben e sempre acabamos aquí gozando de comidas familiares”.

Tamén falou da importancia de Cortegada, “que pasou de posible Palacio Real a Palacio Real da Ameixa. O pobo de Carril loitou moito ata que conqueriu a titularidade pública da illa”.

Paz non se esqueceu tampouco do pasado histórico da localidade, cando era “un dos principais portos de Galicia e contou coa segunda liña férrea comercial de España”, nin das festas do santoral, que inclúen Santiago Apóstolo, San Fidel, o Carmen e San Roque.

Non obstante, onde Jesús Paz fixo especial fincapé, o mesmo que despois Félix Dávila, “ameixa de ouro 2008”, foi na mellora do sector marisqueiro carrilexo que, segundo o presidente da rada viguesa, pasa por transformar un segmento adicado exclusivamente á produción, nun que compaxine esta actividade coa da comercialización, para así acadar un produto mellor, máis barato e máis competitivo, que non teña que ver como outros mariscos figuran co nome de “ameixa de Carril” se en realidade non o son.

Paz apelaba á reforma da Lei de Pesca e á ambición do sector produtivo para conquerir esta mellora que el entende fundamental para que, como ata o de agora, a festa creza sen cesar.

Ata que iso chegue, os carrilexos e visitantes terán que conformarse con degustar os elaborados pratos de ameixa e berberecho que se sirven en Carril como en ningures. Diso dan fe os miles de comensais que onte encheron a Alameda como cada ano.

 Fuente : Diario de Arousa

0 comentarios