Blogia
AGRUPACIÓN PARQUISTAS DE CARRIL

A Festa da Ameixa establece premios de 1.000, 500 e 250 euros para os gañadores do concurso gastronómico

A Festa da Ameixa establece premios de 1.000, 500 e 250 euros para os gañadores do concurso gastronómico

O programa da XVII Festa da Ameixa de Carril inclúe este ano unha importante novidade no que ó Concurso de Preparación da Ameixa se refire. Nesta edición, a organización pretende incentivar a cantidade e calidade dos pratos a concurso establecendo premios en metálico de 1.000, 500 e 250 euros. Ademais haberá diploma e agasallo para tódolos concursantes.

Igual de suculentos que as ameixas de Carril serán os premios que este ano concederá a organización na Festa ós gañadores do Concurso de Preparación da Ameixa que se celebrará o sábado, 22 de agosto. As persoas que desexen participar deberán inscribirse na Confraría ou na lonxa de Carril antes da unha da tarde do venres, día 21 de agosto. No momento da inscrición, a organización entregaralles as bases que rexen o concurso e un vale para recoller, de xeito gratuíto, o quilo de ameixas que deberán utilizar para a elaboración da súa receita. Os participantes terán que pasar a recoller o produto á lonxa antes da unha da tarde do sábado.

Unha vez elaborados os pratos, estes deberán ser entregados na carpa instalada no peirao antes das sete da tarde do mesmo sábado, xunto cun sobre pechado no que deberán incluír unha tarxeta co nome e apelidos do concursante, o nome do prato e a receita do mesmo.

O xurado valorará a presentación, o sabor e a creatividade das receitas, para o cal se permite a utilización de calquera tipo de recipiente e ingredientes, coa única excepción do ovo cru (maionesas, cremas, etc...)

O xurado catará todos os pratos presentados e preseleccionará 20 –sempre que o número de receitas a concurso supere esta cifra- que serán os finalistas e dos que se elixan os premios. O primeiro clasificado recibirá 1.000 euros ameixa grande de prata, o segundo 500 euros e ameixa mediana de prata e o terceiro 250 euros e ameixa pequena de prata. Non obstante, a organización entregará ese meses día diploma e agasallo a tódolos participantes no concurso gastronómico. A entrega dos tres primeiros premios terá lugar o domingo no transcurso dos actos principais da Festa da Ameixa.

Como é tradición, o Concurso de Preparación da Ameixa, que este ano chega á súa catorce edición, rematará o sábado cunha degustación pública e gratuíta de tódolos pratos presentados ó certame. Será na Alameda a partir das oito e media da tarde, unha vez que o xurado emita o seu fallo.

Fuente: www.ivilagarcia.com

0 comentarios