Blogia
AGRUPACIÓN PARQUISTAS DE CARRIL

Os parquistas elaboran un ambicioso proxecto para optimizar ao máximo o rendemento de cada viveiro

Os parquistas elaboran un ambicioso proxecto para optimizar ao máximo o rendemento de cada viveiro

A Agrupación de Parquistas de Carril elaborou un ambicioso proxecto en base ao cal se pretende optimizar o rendemento de cada viveiro. Unha iniciativa, xa presentada á Consellería de Mar, e que tería unha duración de tres anos e medio, implicando a universidades, administración e o propio sector acuícola carrilexo. “Non se fixo nada parecido”, afirma o presidente da Agrupación, José Luis Villanueva, que resalta que o proxecto abarca múltiples vertentes, desde o estudio de posibles patoloxías que poida ter a cría sementada nos viveiros ata a medición e control das correntes e sedimentación dos diferentes parques. Todo elo, e moito máis, cunha finalidade clara: Ter unha completa radiografía de todos os factores que determinan o rendemento dos viveiros de cara a optimizar a produción nos mesmos.

“A posta en marcha deste plan require un importante investimento económico, así como de medios e persoal. Pero é un paso importante na responsabilidade do propio sector na investigación e estudio”, argumenta Villanueva, que sinala que este proxecto tamén se centraría en aspectos coma determinar as causas da mortandade da ameixa (non sempre atribuibles ás riadas) ou a catalogación dos depredadores dos bivalvos. No que respecta ás mortandades, José Luis Villanueva lembra que “estámonos atopando con mortes de bivalvos importantes nalgunhas zonas, e non é pola sanidade. Pensamos no AVE e no dragado do Porto, pero din que non é diso”.

Un dos pasos deste estudo centraríase en estudar as características de cada zona de parques para, en base ás correntes que lles afectan, o sustrato,.., determinar a densidade óptima a sementar en cada zona para ter o mellor rendemento”. Nesta liña, os parquistas contemplan no seu estudio a necesidade de ubicar boias para medir diferentes variables, desde a contaminación ata mostraxes semanais de correntes, salinidade...

 

Importancia > Outro aspecto de peso neste proxecto é o de abordar “cómo sería aconsellable sementar e producir en cada viveiro”, actuacións que poden ser perfeccionadas para obter un mellor rendemento.

En definitiva, indican desde a Agrupación de Parquistas de Carril, o proxecto é un puntal no camiño da profesionalización e da responsabilidade, un plan impulsado desde o propio sector e que, como indica Villanueva, “Pode ser exportable a outras rías e colectivos”.

José Luis Villanueva indica que un estudo destas características “tan ambiciosas” debería ter sido realizado “xa por iniciativa da propia administración”. O feito de que non fose así, indica o presidente do colectivo, levou aos parquistas a dar o paso e elaborar un proxecto. Villanueva recoñece que a iniciativa presentada á Consellería de Mar é ambiciosa e precisa dun importante investimento económico. Pero incide nos beneficios que elo pode representar para un sector tan importante, laboral e económicamente, coma os parquistas, ademáis, apunta, de ser un proxecto que pode ser empregado tamén por outros sectores do mar e noutras rías.

Neste sentido, cómpre lembrar que desde os parquistas, e durante todos estes anos, téñense elaborado diferentes proxectos (como a hatchery ou a nursery) para avanzar no camiño da súa profesionalización.

Os viveiros de cultivos de bivalvos de Carril supoñen a fonte de emprego para máis de 600 familias, ademáis dun motor económico que xera millóns de euros.

Fuente: Diario de Arousa

 

0 comentarios