Blogia
AGRUPACIÓN PARQUISTAS DE CARRIL

Mar rexeita as críticas dos parquistas e reitera que impulsará un novo decreto para os viveiros

Mar rexeita as críticas dos parquistas e reitera que impulsará un novo decreto para os viveiros

A oposición frontal expresada pola Agrupación de Parquistas de Carril á elaboración dun novo decreto para os viveiros de cultivo non fixo variar un ápice a postura da Consellería do Mar, que reiterou onte a necesidade de dotar dun novo marco lexislativo a estas concesións para impulsar un proceso de reordenación “exclusivamente técnico” e “sen inxerencias externas”.

O departamento autonómico, iso si, expresou o seu desacordo coas críticas verquidas pola Agrupación presidida por José Luis Villanueva, calificándoas de “prematuras” e “carentes de fundamento” pois se realizaron cando “aínda non coñecen os principios concretos que rexerán a futura normativa”. Os parquistas avogan, en vez de elaborar un novo decreto, por aplicar o existente, consensuado co sector, e sospeitan das intencións da Consellería de non contar cos propietarios dos viveiros na futura reordenación das concesións.

Desde Mar indican que o impulso dun novo decreto resposta a que o anterior quedou “obsoleto”, lembrando que non foi aplicado en 20 anos, “polo que se facía urxente a creación dun novo marco lexislativo para cuxo desenvolvemento só ten capacidade a Administración e non o sector, ao que, continuando na liña de actuación da Consellería se lle farán as consultas pertinentes”. Neste sentido, anuncian desde este departamento autonómico que no novo proceso a Consellería dará entrada a Costas del Estado, organismo cuxo papel considera fundamental para a revisión do proceso “e que, inexplicablemente, non figuraba no Decreto 158/1991 vixente na actualidade”.

Mar ten claro, e así o reitera, que o seu obxectivo con esta aposta por un novo decreto é “xerar un proceso exclusivamente técnico, sen interferencias externas e dirixido e controlado pola administración baixo criterios netamente obxectivos”. A Consellería do Mar asegura que a futura reordenación dos parques de cultivo a través do novo decreto, “que se realizará en base a criterios estritamente obxectivos”, favorecerá a produción de ameixa nos viveiros.

 

Regular >Tal e como anunciou o pasado domingo durante a Festa da Ameixa de Carril a conselleira do Mar, Rosa Quintana, “o novo decreto que a Consellería prepara permitirá regular este proceso e asegurar nun futuro a viabilidade desta actividade de forma que se poida seguir producindo ameixa de excelente calidade cun marco regulador xusto e equilibrado”.

A Agrupación de Parquistas xa amosou a comezos desta semana o seu malestar, tanto pola forma coma polo fondo, do anuncio da Consellería. Entendían que o lugar non era o máis axeitado, sobre todo, sinalaba, cando os representantes do sector non tiñan coñecemento de que a Xunta preparase un novo decreto; e tampouco lles convence que se prepare un novo marco lexislativo sen contar con eles. “O anterior decreto é válido, só hai que aplicalo”.

Fuente: Diario de Arousa

0 comentarios