Facebook Twitter Google +1     Admin

XXII FESTA DA AMEIXA CARRIL 2014-Sopa de Festa TVG

20140821085807-sopa-de-festa.jpg

Outra vila galega e por suposto un produto da nosa gastronomía serán outra vez os protagonistas, unha edición máis, do programa da Televisión de Galicia “Sopa de Festa”. Hoxe, a vixésimo segunda edición da Festa da Ameixa do Carril ocupará o tempo deste espazo, que cada semana lles achega aos espectadores un monográfico dalgunha das mellores celebracións gastronómicas espalladas por toda a comunidade galega. 

O Carril é unha das máis famosas parroquias do municipio pontevedrés de Vilagarcía de Arousa, coñecida tamén por ser das máis marisqueiras de toda Galicia, gran parte da súa poboación vive do mar e sobre todo do cultivo e da extracción da ameixa. 

Por este motivo, desde hai 22 anos, os produtores e os mariscadores da ameixa decidiron que este bivalvo fose o protagonista dun gran festexo e así o poderá comprobar a audiencia da TVG da man do equipo de “Sopa de Festa”. Hoxe, as cámaras do programa achegaranlles como se cultiva a ameixa, que clases deste bivalvo se dan na zona e, sobre todo, poranlles cara a algúns mariscadores do Carril que se dedican, xeración tras xeración, a este oficio.  

Doutro lado, a parte máis festiva da xornada sempre a poñen as degustacións populares coas que os visitantes dan testemuña directa da calidade e sabor que ten o produto estrela. Por iso, os reporteiros de “Sopa de Festa” trasladaranse ata a zona portuaria do Carril para recoller en vivo a preparación e degustación deste saboroso molusco.

A receita de ameixas virá, coma sempre, da man dun establecemento da localidade. Hoxe, a encargada de preparar un bo prato de ameixa será Carmen Lede, xefa de cociña do restaurante Plácido do Carril.

A presente edición completarase con outros actos que se desenvolveron ao longo da xornada, como o nomeamento de Cabaleiros e Donas da Orde da Ameixa ou a homenaxe ao parquista de honra e ao máis novo do Carril, entre outras actividades.

 Ver programa

Comentarios » Ir a formulario

No hay comentarios

Añadir un comentario



No será mostrado.