Blogia
AGRUPACIÓN PARQUISTAS DE CARRIL

DECRETO 96/2015, do 25 de xuño, polo que se dá por finalizada a revisión dos parques de cultivo de moluscos do Carril.

O artigo 148.1.11 da Constitución española establece que as comunidades autónomas poderán asumir competencias en materia de pesca en augas interiores, marisqueo e acuicultura. Sobre a base de tal fundamento constitucional, o Estatuto de autonomía para Galicia establece no seu artigo 27.15 que lle corresponde á Comunidade Autónoma galega a competencia exclusiva sobre a pesca nas rías e demais augas interiores, o marisqueo e a acuicultura.

Mediante o Real decreto 3318/1982, do 24 de xullo, a Administración do Estado traspasoulle á Comunidade Autónoma de Galicia as funcións e os servizos en materia de marisqueo e acuicultura, que foron asumidas mediante o Decreto 169/1982, do 15 de decembro.

En virtude das competencias exclusivas en materia de marisqueo e acuicultura, o Parlamento de Galicia aprobou a Lei 15/1985, do 23 de outubro, de ordenación marisqueira e cultivos mariños, cuxo artigo 6 outorgaba á consellería competente en materia de pesca, entre outras, as atribucións necesarias para propoñerlle a Xunta de Galicia a declaración de zonas de interese marisqueiro e de cultivos mariños, así como para ordenar os establecementos de cultivos mariños nas zonas de litoral.

De conformidade co disposto no artigo 6, aprobouse o Decreto 158/1991, do 16 de maio, polo que se regula o procedemento de revisión e reordenación dos parques de cultivo de moluscos do Carril, no cal se declara a dita zona como de interese de cultivos mariños.

As razóns xustifícanse na parte expositiva do decreto:

«A pesar de que os parques constitúen unha concesión administrativa, antigos titulares traspasaron sen coñecemento da Administración moitos destes parques a outras persoas que de boa fe entenderon estar facendo unha transacción legal. Todo este cúmulo de circunstancias propiciou a situación actual, onde unha maioría dos parquistas que realmente traballan as concesións se atopan nunha situación irregular, que vén sendo tolerada polas administracións sucesivas.

Faise pois necesario corrixir de forma decidida e definitiva a discordancia existente entre as situacións nas que se entregaron as concesións e o seu estado actual, toda vez que este estado de cousas non pode ser aceptable para unha Administración responsable.

Non obstante, hai que partir dunha situación de feito e o realismo e a xustiza social fan que a regularización das situacións favoreza aquelas explotacións que de boa fe se viñeron traballando de forma continuada nos últimos anos.

Co fin de paliar esta situación administrativa, faise necesaria unha actuación dirixida á revisión das circunstancias de titularidade dos mencionados parques, así como a oportuna reordenación que adecúe a súa situación e superficie a unha máis racional explotación dos recursos, tendo en conta ademais que as técnicas de semicultivo que actualmente se utilizan no Carril, debidamente ordenadas e canalizadas, poden marcar unha pauta importante na reordenación do sector (...)».

O artigo 10 do Decreto 158/1991, do 16 de maio, recolle que, unha vez finalizada a información pública de investigación e introducidas as modificacións que procedan como consecuencia dela, a Xunta Local proponlle á Dirección Xeral de Marisqueo e Acuicultura a aprobación do documento de revisión.

O documento de revisión foi aprobado o 26 de decembro de 1995 como consecuencia do proceso de revisión durante o cal a antiga Dirección Xeral de Marisqueo e Acuicultura, de acordo cos criterios acordados pola Xunta Local, realizou os traballos precisos para preparar os documentos que permitisen establecer a investigación sobre os desaxustes entre a situación real dos parques do Carril naquel momento e as concesións outorgadas na súa maioría en 1975, é dicir, sobre as situacións xurídicas das concesións dos parques existentes na zona durante ese período: usuarios ou titulares, planos, localización e determinación do grao de aproveitamento.

Dado o importante número de recursos presentados contra o documento de revisión, o que dilatou o proceso no tempo, e coa finalidade de non entorpecer o desenvolvemento da actividade produtiva nos parques e de facilitar o tráfico xurídico das concesións, recoñecéronse provisionalmente, sen prexuízo de terceiros, as titularidades das parcelas que de acordo co documento de revisión estiveran vinculadas orixinariamente a unha concesión administrativa.

Isto tivo lugar unha vez identificados tanto os titulares como os cultivadores que ademais cumprían os requisitos para obter a autorización provisional de acordo cos criterios xa adoptados pola Xunta Local de Revisión e Reordenación, é dicir, os cultivadores das parcelas que estivesen orixinariamente vinculadas a unha concesión regulamentariamente outorgada, xa coincidiran ou non co titular orixinario dela.

O outorgamento provisional das autorizacións temporais ten o seu fundamento no artigo 9 do Decreto 158/1991, do 16 de maio, que permite recoñecer provisionalmente e sen prexuízo de terceiro a titularidade da concesión ou recoñecer como usuario real destes parques a quen o acredite suficientemente, ben mediante documento ou testemuño veraz.

Á vista do resultado da revisión, e coa información recollida no transcurso do tempo sobre as condicións, características e a diferente tipoloxía das parcelas incluídas na zona abarcada polo procedemento, tanto en función da súa superficie como do tipo de substrato, nivel de marea ou produtividade, ponse de manifesto que non sería eficaz iniciar o procedemento de reordenación ao constatarse que a súa materialización non contribuiría a mellorar substancialmente o potencial produtivo e porque, en todo caso, a mellora acadada non compensaría o esforzo que se debe realizar para a execución da reordenación que, pola súa complexidade, provocaría un atraso inadmisible na consecución dos obxectivos previstos inicialmente.

Chegados a este punto do procedemento, a consecución dos obxectivos propostos para a fase de revisión non debe dilatarse mais no tempo, polo que coa finalidade, por unha banda, de conseguir canto antes o cumprimento de acadar o óptimo aproveitamento do potencial produtivo dos parques e, por outra, de cumprir as expectativas creadas aos titulares das autorizacións provisionais, unha vez resoltos os recursos presentados contra o documento de revisión, débese proceder a finalizar o procedemento e declarar a firmeza administrativa da revisión, sen necesidade de levar a cabo a fase de reordenación, e outorgar as correspondentes concesións administrativas aos titulares de autorizacións provisionais.

Á vista das circunstancias expostas, resulta preciso derrogar o Decreto 158/1991, do 16 de maio, a excepción do seu artigo 17, ao cal se lle dá unha nova redacción para manter a declaración de firmeza do documento de revisión, que deberá realizarse conforme o establecido na disposición adicional única do presente decreto.

Así mesmo, nas disposicións transitorias regúlanse os requisitos necesarios para outorgar as concesións de actividade definitivas, os efectos xurídicos que xorden ao non acadar o titular da autorización provisional os requisitos para o outorgamento da concesión de actividade e o marco normativo adecuado para o outorgamento das novas concesións procedentes das parcelas vacantes de acordo con establecido no artigo 52 da Lei 11/2008, do 3 de decembro, de pesca de Galicia, e para a extinción delas.

Na súa virtude, por proposta da conselleira do Medio Rural e do Mar e logo de deliberación do Consello da Xunta de Galicia na súa reunión do día vinte e cinco de xuño de dous mil quince,

DISPOÑO:

Artigo único. Derrogación normativa

1. Queda derrogado o Decreto 158/1991, do 16 de maio, polo que se regula o procedemento de revisión e reordenación dos parques de cultivo de moluscos do Carril.

2. Mantén a súa vixencia o artigo 17 do Decreto 158/1991, do 16 de maio, que queda redactado do seguinte xeito:

«Unha vez resoltos os recursos administrativos interpostos contra o acordo de revisión e introducidas as modificacións que proceden, declararase a firmeza administrativa do documento de revisión dos parques de cultivo de moluscos do Carril».

Disposición adicional única. Declaración de firmeza administrativa do documento de revisión

De conformidade co artigo 17 do Decreto 158/1991, do 16 de maio, a consellería competente en materia de acuicultura declarará a firmeza administrativa do documento de revisión e procederá a outorgar as concesións de actividade definitivas resultantes do procedemento de revisión nos termos establecidos no presente decreto.

Disposición transitoria primeira. Outorgamento das concesións de actividade definitivas

1. Unha vez declarada a firmeza administrativa do documento de revisión, a consellería competente en materia de acuicultura iniciará de oficio o procedemento de outorgamento das concesións de actividade ás persoas físicas e xurídicas que figuren no documento de revisión como titulares das autorizacións provisionalmente outorgadas.

2. O órgano da Administración do Estado competente en materia de ocupación de dominio público marítimo-terrestre emitirá informe preceptivo e vinculante previo ao outorgamento de cada unha das concesións de actividade definitivas.

As condicións da ocupación que recolla cada un dos informes a que se refire o parágrafo anterior deberán ser aceptadas pola persoa titular do parque de cultivo obxecto do informe de ocupación.

3. Naqueles supostos en que non se acade o cumprimento dos requisitos que recolle o presente artigo para o outorgamento das concesións administrativas definitivas, o órgano competente en materia de acuicultura deixará sen efecto as autorizacións provisionais outorgadas e declarará vacantes as parcelas vinculadas a eses títulos.

4. O réxime xurídico das concesións de actividade definitivas será o disposto na Lei 11/2008, do 3 de decembro, de pesca de Galicia.

Disposición transitoria segunda. Extinción das concesións de actividade

1. A consellería competente en materia de acuicultura poderá extinguir aquelas concesións de actividade definitivas ás cales renunciasen expresamente os seus titulares, así como aquelas nas que concorrese algunha das causas previstas no artigo 55 da Lei 11/2008, do 3 de decembro, de pesca de Galicia.

2. O procedemento de extinción tramitarase de acordo co disposto na Lei 11/2008, do 3 de decembro, de pesca de Galicia, e na normativa vixente aplicable á materia.

Disposición transitoria terceira. Parcelas vacantes

1. As parcelas vacantes poderán ser outorgadas en réxime de concesión de actividade para o exercicio da acuicultura na zona marítimo-terrestre pola consellería competente na materia, de conformidade cos criterios establecidos no artigo 52 da Lei 11/2008, do 3 de decembro, de pesca de Galicia.

2. No outorgamento das concesións teranse en conta os dereitos doutras persoas que de forma regular viñesen explotando a zona, de acordo co establecido no artigo 52.4 da Lei 11/2008, do 3 de decembro, de pesca de Galicia.

Disposición transitoria cuarta. Prazo de notificación das resolucións

O prazo máximo para notificar as resolucións derivadas dos procedementos regulados na disposición transitoria primeira do presente decreto será de seis meses desde o inicio dos correspondentes procedementos.

Disposición derradeira primeira. Habilitación para o desenvolvemento regulamentario

Habilítase o titular da consellería competente en materia de acuicultura para ditar cantas disposicións sexan necesarias para o desenvolvemento e a execución do previsto neste decreto.

Disposición derradeira segunda. Entrada en vigor

O presente decreto entrará en vigor no prazo dun mes desde a súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, vinte e cinco de xuño de dous mil quince

Alberto Núñez Feijóo
Presidente

Rosa María Quintana Carballo
Conselleira do Medio Rural e do Mar

Fuente: http://www.xunta.es/dog/Publicados/2015/20150713/AnuncioG0165-070715-0001_gl.html

 

 

 

 

 

0 comentarios