Facebook Twitter Google +1     Admin

O sector do mar rebélase contra o intento do Goberno central de invadir as competencias galegas en acuicultura

20160916140440-57da5e0b8b9ed-56978023918b5-4663368768-fe05e06520-o.jpg

O Estatuto de Autonomía reserva a competencia exclusiva nesta materia ao Goberno galego

O artigo 27.15 do Estatuto de Autonomía sinala que "lle corresponde á Comunidade Autónoma galega a competencia exclusiva" na "pesca nas rías e demais augas interiores, o marisqueo, a acuicultura, a caza, a pesca fluvial e lacustre". Esta competencia exclusiva podería verse ameazada polo borrador de Real Decreto, elaborado polo Goberno central en funcións, polo que se establece un marco para a ordenación do espazo marítimo e que traspón a Directiva 2014/89/UE do Parlamento Europeo.

O texto, que permanece en exposición pública ata este xoves 15, atribúelle no seu artigo 7.1.d ao Consello de Ministros a competencia para a aprobación dos plans de ordenación, previa proposta da Comisión Interministerial de Estratexias Mariñas á Secretaría de Estado de Medio Ambiente. O documento xustifica esta competencia na súa Disposición final terceira, que faculta o Consello de Ministros a aprobar os plans de ordenación dos espazos marítimos aludindo ao artigo 149.1.13ª da Constitución, que habilita o Estado central en materia de bases e coordinación da planificación xeral da actividade económica, afirmando que este é o "único título habilitante para as zonas de acuicultura", e obviando a competencia exclusiva que nesta materia ten Galicia.

Na mañá deste xoves confrarías, asociacións de bateeiros/as, parquistas, mariscadores/as, sindicatos (CC.OO., CIG e UGT), armadores/as, produtores/as de mexillón e plataformas en defensa das rías presentaron alegacións ao borrador, no último día de exposición pública do documento. Denuncian esta invasión de competencias e consideran que obedece a unha estratexia de introdución da piscicultura masiva e industrial nas costas de Galicia e enmarcan esta intromisión na "recente contestación social ao intento unilateral da Xunta de Galicia de impoñer unha Lei de Acuicultura ao servizo da industria piscícola".

Denuncian esta invasión de competencias e consideran que obedece a unha estratexia de introdución da piscicultura masiva e industrial nas costas de Galicia

Esixen a modificación do artigo 7, de xeito que recolla que a elaboración e tramitación do plan de cada demarcación marítima será responsabilidade "da/s administración/s máis próxima/s aos administrados, que son as Comunidades autónomas, sen prexuízo da necesaria coordinación". Salientan ademais que a directiva europea que o Decreto busca traspoñer sinala que "os Estados membros, ao determinar a ordenación do espazo marítimo, terán debidamente en conta as peculiaridades das rexións mariñas, as actividades e usos existentes e futuros pertinentes e as súas repercusións no medio ambiente, e os recursos, tendo tamén en conta as interaccións entre terra e mar". Subliñan que o decreto "contempla como posibles actividades a desenvolver no espazo marítimo, actividades como instalacións de produción de enerxía a partir de fontes renovables, prospección e explotación de petróleo e gas, extracción de materias primas e acuicultura". E lembran que Galicia é un territorio "altamente dependente da pesca".

 

Deficiente participación pública

A Plataforma en Defensa da Ría de Arousa (PDRA) alerta de que o Goberno central en funcións podería levar este Real Decreto ao Consello de Ministros deste venres 16 de setembro, co obxectivo de cumprir co prazo límite fixado para incorporar a directiva europea á lexislación española. Isto implicaría que o Goberno central en funcións disporía de "cero días" para valorar as últimas alegacións presentadas no prazo disposto. Así mesmo, a PDRA chama a atención sobre o feito de que o Consello de Ministros poida aprobar un Real Decreto que faculta o propio Consello de Ministros para aprobar os plans de ordenación do espazo marítimo. Cuestiona, igualmente, que un Goberno en funcións teña potestade para aprobar un documento deste tipo, pois as súas actividades están limitadas por lei a "casos de urxencia debidamente acreditados ou a razóns de interese xeral".

Solicitan que se abra un período de participación pública para que calquera entidade afectada poida realizar achegas

Solicitan, neste senso que se abra un período de participación pública para que calquera entidade afectada poida realizar achegas. E piden que se incorpore ao borrador de decreto a posibilidade de que "os grupos de interese e autoridades pertinentes, así como o público afectado e as diferentes organizacións medioambientalistas, de pescadores, mariscadores e mitilicultores, teñan acceso aos plans en todas as súas fases de elaboración e revisión e poidan alegar tamén aos informes anuais de seguimento que elabore cada departamento no marco das súas competencias".

 

 

Fuente: Praza pública

 

16/09/2016 14:04 agrupocarril #. ARTICULOS

Comentarios » Ir a formulario

No hay comentarios

Añadir un comentario



No será mostrado.