Blogia
AGRUPACIÓN PARQUISTAS DE CARRIL

Os parquistas denuncian a presenza de emisarios na Concha que verten preto dos seus viveiros

Os parquistas denuncian a presenza de emisarios na Concha que verten preto dos seus viveiros

Os parquistas denuncian que na confluencia das praias da Concha e Compostela existen “dous ou tres puntos de vertido” ao mar nunha zona cunha gran concentración de viveiros de cultivo de bivalvos, algo que é propio, consideran desde ese colectivo, “dun país do terceiro mundo”.

Os parquistas de Carril recoñecen a súa preocupación por esta situación, pois, apuntan, “carece de toda lóxica que haxa emisarios submariños que verten ao lado de zonas onde se cultivan produtos para consumo humano”, en referencia aos viveiros de bivalvos. Desde este colectivo afírmase que na zona de confluencia entre A Concha e A Compostela existen “dous ou tres” puntos de vertidos continuos ao mar, nun área cuxas augas alimentan un bo número de viveiros de cultivos existentes nas proximidades.

A contaminación é un dos cabalos de batalla dos parquistas, que sinalan que se ben a situación en Carril non é preocupante, lembran que a Ría de Arousa “é un todo” onde os derrames ou vertidos ao mar en calquera das súas partes pode acabar pasando factura a calquera zona.

Desde a agrupación sinálase que esta situación de vertidos ten sido denunciada aos anteriores responsables do goberno local de Vilagarcía coa finalidade de que a administración adoptase medidas e solucións, algo que non aconteu, lembran. Por elo, non descartan volver poñer sobre a mesa os problemas de contaminación cos actuais responsables de Ravella.

Fuente: Diario de Arousa

Esta denuncia vén sumarse ás realizadas en numerosas ocasións polos sectores productivos do mar existentes noutro punto de término municipal, en Vilaxoán, que teñen criticado os vertidos existentes na zona de Canelas, cuestión que mesmo chegou ao Parlamento de Galicia mercede a una pregunta presentada polo deputado do BNG Bieito Lobeira.

Estudio > Nun detallado estudio encargado pola Federación Galega de Confrarías analizábase pormenorizadamente a situación que atravesan as diversas rías galegas, entre elas a de Arousa. Respecto a ésta, sinalábase que existe un problema de coliformes (bacterias cuxa presencia serve para indicar o nivel de contaminación existente), ademais de que os tres ríos que desembocan na Ría “traen outro tipo de problemas máis complexos, coma é o dos metais pesados que teñen unha especie, o reló, coa prohibición de extracción, cando este recurso representa entre o 10 e o 20 por cento dos ingresos dos mariscadores “ da comarca.

Un informe elaborado pola administración autonómica a finais do exercicio 2007 sinalaba que os ríos galegos soportan en torno a 4.600 vertidos, dos cales, sobre dous milleiros estarían “autorizados” (en base a uns controis e normas).

O citado documento indica que na Ría de Arousa danse 211 puntos de vertido, cantidade superior á de Vigo (máis pequena, pero cunha forte presión urbanística e industrial), onde se rexistraron 190.

Pero a presión que deben soportar as aguas de Arousa é moito maior se se lle engaden aqueles vertidos contaminantes que afectan aos cauces de ríos que, como o Ulla ou o Umia, acaban desembocando na Ría. Entón, estes vertidos superarían os oitocentos, pois no Ulla están rexistrados en torno a 500 (é o máis afectado de Galicia), e no Umia algo máis dun cento.

0 comentarios