A Consellería do Mar estudará a nova ubicación da lonxa de Carril
Os directores xerais de Competitividade e Innovación Tecnolóxica, Juan Maneiro e a de Desenvolvemento Pesqueiro, Susana Rodríguez Carballo, trataron o tema co Patrón Maior e o Presidente dos parquistas .
A reforma da lonxa de Carril é unha das melloras máis esperadas e demandadas polo pósito
A Consellería do Mar comprometeuse a facer un estudo económico e técnico para a posibilidade da reubicación da lonxa de Carril, como demandan os parquistas e o Patrón Maior carrilexo. O obxectivo é mellorar e axilizar a actividade desta lonxa que nos últimos anos incrementou a súa actividade. En 2006 o volume de capturas foi de 315.885,85 quilos mentres que en 2008 multiplicouse por catro ata chegar a subhastar 1.139.008,99 quilogramos de bivalvos.
O director xeral de Competitividade e Innovación Tecnolóxica, Juan Maneiro e a directora xeral de Desenvolvemento Pesqueiro, Susana Rodríguez Carballo, trasladáronse ata a lonxa carrilexa cun técnico para coñecer sobre o terreo as necesidades da infraestrutura.
Alí escoitaron as propostas do Patrón Maior de Carril, Fernando Franco, e o presidente dos parquistas, José Luis Villanueva, dun cambio na ubicación da lonxa porque, segundo eles “necesitan máis espazo” e a contemplación, no novo proxecto, dun punto de venda e xestión para os parques. Os dous directores xerais dixeron que estudarán e analizarán estas demandas e no caso de non axustarse aos informes técnicos comprometéronse a ampliación da lonxa, tal e como se contempla no proxecto actual, e “facer unha reorganización en base as necesidades plantexadas”.
Fuente: Xunta.es
0 comentarios