A nova Lei de Pesca de Galicia entra hoxe en vigor coa súa publicación no DOG
Trala súa publicación no Diario Oficial de Galicia, hoxe entra en vigor a nova Lei 6/2009, do 11 de decembro, de modificación da Lei 11/2008, de pesca de Galicia. A nova normativa, que foi aprobada polo Parlamento Galego o pasado mércores logo de seis meses de traballo do departamento que dirixe Rosa Quintana, ten como obxectivo reformar a lei do anterior Goberno dotándoa de operatividade, modernidade e firmeza e mellorar aqueles aspectos do articulado redactado polo anterior executivo cos que o sector estaba desconforme.
Entre as novidades principais da nova Lei de Pesca destaca a recuperación do réxime xurídico regulador existente con anterioridade á promulgación da Lei 11/2008 a respecto das confrarías de pescadores. Con este articulado, tamén o Servizo de Gardacostas e o Instituto Tecnolóxico para o Control do Medio Mariño (Intecmar) continuarán tendo o seu propio marco xurídico, para evitar as complicacións e ineficiencias que traería para a Administración a súa extinción como entes de dereito público.
Outra das novidades que incorpora o texto é a modificación do cómputo do período concesional das bateas para garantirlle a este sector o mantemento da súa actividade e contribuír á mellora da súa competitividade.
O novo regulamento recupera o permiso de explotación (permex) como título administrativo habilitante para o exercizo da actividade extractiva. Os permex serán expedidos especificamente para artes ou zonas determinadas e poderán ser estacionalmente alternantes. Terán validez durante a vida útil da embarcación, sempre que esta reúna as condicións sobre navegabilidade, frotabilidade e seguridade.
A creación do Comité Científico Galego da pesca como órgano de consulta e asesoramento científico e técnico da Xunta de Galicia nos asuntos relacionados coa xestión dos recursos mariños, é un dos puntos principais do novo texto. Outro dos aspectos que recolle a nova Lei é a obriga da Administración da Comunidade Autónoma de Galicia de levar a cabo a defensa da frota galega cando faene en augas que non sexan da súa competencia, co fin de manter a súa actividade e o seu nivel de puxanza e achega ao cómputo pesqueiro galego.
O texto suprime ademais a Axencia de Desenvolvemento Sustentable das Zonas de Pesca, prevista na Lei do 2008, en tanto que os seus fins poden ser acadados mediante a estructura da Consellería do Mar, coordinando de forma directa e efectiva os seus propios recursos e as medidas e accións a desenvolver nas poboacións costeiras.
Por último a nova normativa ordea con claridade as actuacións de modernización e reconversión da frota e contempla, seguindo o criterio de equilibrio entre o eido ambiental, económico e social, as medidas de adecuación da frota ao estado dos recursos.
A nova lexislación naceu do compromiso adquirido polo novo Goberno galego de deseñar un texto normativo que reformase aqueles aspectos cos que o sector estaba desconforme. Cabe lembrar o consenso co que conta a reforma dos 82 puntos da Lei do bipartito xa que só tivo en contra o voto da UXT no Consello Galego de Pesca, e que foi consultada con 114 entidades y asociacións.
Fuente: Xunta.es
0 comentarios