Científicos, expertos e profesionais debatirán sobre o futuro do sector
Entre o 2 e o 4 de marzo, e no marco da Feira Internacional de Acuicultura de Galicia ACUI 2010 que se celebra en Fexdega, levaranse a cabo as xornadas técnicas, unha iniciativa na que expertos, técnicos e profesionais comparten debates e coloquios en torno a cuestións de intereses para o sector.
Nesta edición, as ponencias abordarán diferentes temáticas, desde a acuicultura ecolóxica ata a acuicultura sostible, ambas a debate no primeiro día das xornadas.
O 3 de marzo, celebraranse catro mesas. A primeira delas versará sobre “Aplicacións ultravioleta á acuicultura, mentres que a segunda leva por título “A acuicultura mariña fundamental para alimentar o planeta en 2050”.
Nesa mesma xornada, tamén haberá unha ponencia sobre “a comercialización e distribución dos produtos da acuicultura: Experiencia das cadeas de supermercados españolas”. O día completarase cun debate en torno á “Situación actual e perspectivas de futuro do mexillón: Biotoxinas e fotoplacton”.
No día seguinte, 4 de marzo, catro novas propostas centrarán estas xornadas técnicas. A primeira delas leva por título “Novas oportunidades de negocio no sector da acuicultura”, mentres que a segunda tratará sobre “Transformación e comercialización de produtos pesqueiros e acuícolas”.
A seguridade alimentaria de produtos de acuicultura e os sistemas de planificación da produción e control de existencias para o cultivo de mexillón serán as dúas propostas que poñan o broche de ouro a estas xornadas técnicas de ACUI 2010.
Nesta cuarta edición, que se celebra a principios de marzo, ACUI, presenta varias novidades: AcuiCook (a acuicultura á mesa), AcuiNet (un espazo no portal para expositores e visitantes. Unha rede social para a acuicultura ), InnovAcui (lugar expositivo especialmente deseñado para micropymes con innovación e emprendedores) e AcuiPlan (“díganos a quen quere coma visitante e axudarémoslle a organizar o seu contacto”).
ACUI tense consolidado, desde a súa primeira edición, nun escaparate e referente para a acuicultura galega e internacional.
0 comentarios