Orde do 2 de febreiro de 2010 transporte de moluscos bivalvos,equinodermos,tunicados e gasterópodos mariños vivos. - Guias de transporte
Orde do 2 de febreiro de 2010 pola que se modifica a Orde do 8 de febreiro de 2008 pola que se regula o control da descarga e do transporte dos produtos pesqueiros frescos ata a fase de primeira venda e o transporte de moluscos bivalvos, equinodermos, tunicados e gasterópodos mariños vivos. A Orde do 8 de febreiro de 2008, modificada pola Orde do 10 de xuño de 2008 e pola Orde do 11 de decembro de 2008, supuxo un salto cualitativo na rastrexabilidade dos produtos da pesca e da acuicultura, facilitando aos operadores comerciais a emisión telemática dos documentos e conseguindo unha xestión máis eficiente e racional destes, así como unha maior operatividade no seu seguimento e control. Non obstante, a plena emisión telemática non se está a conseguir, debido, entre outras razóns, aos complexos labores de cultivo e ás peculiaridades do sector da comercialización. Por iso é que algúns colectivos de profesionais, en especial os dedicados ao cultivo de moluscos bivalvos, seguen a atopar atrancos para a emisión telemática dos documentos, polo que Dirección Xeral de Competitividade e Innovación Tecnolóxica autorizou dun xeito temporal e en casos concretos a elaboración destes documentos dun xeito manual, a partir de talonarios subministrados pola propia Administración. Tamén no caso de fallo accidental do sistema telemático, para evitar perdas económicas aos operadores, está autorizada a emisión manual de documentos. Non entanto, a pesar do estrito seguimento que se fai desta documentación en papel, en determinados casos de alertas e peches de polígonos, coas obrigas actuais non se pode garantir un control exhaustivo da súa rastrexabilidade nin realizar un axeitado seguimento das partidas de produto que saen ao mercado. Neste senso, no artigo 2.2º xa se regula a remisión á Administración nun prazo máximo de 48 horas, poñéndose en evidencia na práctica adquirida desde a publicación da orde que nalgúns casos é necesario completar estas normas para asegurar un correcto seguimento e control da rastrexabilidade destes produtos. De acordo co anteriormente exposto, despois de consultar os sectores afectados, e en virtude das facultades que teño conferidas, DISPOÑO: Artigo único.-Modificación da Orde do 8 de febreiro de 2008 pola que se regula o control da descarga e do transporte dos produtos pesqueiros frescos ata a fase de primeira venda e o transporte de moluscos bivalvos, equinodermos, tunicados e gasterópodos mariños vivos. Engádense os números 8º, 9º e 10º ao artigo 7 da Orde do 8 de febreiro de 2008 pola que se regula o control da descarga e do transporte dos produtos pesqueiros frescos ata a fase de primeira venda e o transporte de moluscos bivalvos, equinodermos, tunicados e gasterópodos mariños vivos, coa seguinte redacción: «8. No caso dos documentos de rexistro expedidos de xeito manual, tanto naqueles casos de uso excepcional por motivos de fallos puntuais no servizo telemático como os autorizados expresamente para o uso de talonarios en papel, as entidades expedidoras remitirán no prazo máximo das tres horas posteriores á súa expedición unha copia á dirección xeral competente en materia de saúde pública. 9. Os centros de expedición, depuradoras e industrias transformadoras receptoras de lotes acompañados de documentos de rexistro para o transporte de moluscos bivalvos, equinodermos, tunicados e gasterópodos mariños vivos, deberán rexistrar a súa entrada. 10. As entidades emisoras autorizadas para a emisión manual de documentos de rexistro estarán obrigadas a manter inalterada a numeración correlativa dos citados documentos, enviando copia dos documentos de rexistro anulados e informando das incidencias que deron lugar á anulación á dirección xeral competente en materia de saúde pública así como á Dirección Xeral de Competitividade e Innovación Tecnolóxica da Consellería do Mar». Esta orde entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia. Santiago de Compostela, 2 de febreiro de 2010. Rosa María Quintana Carballo Conselleira do Mar
0 comentarios