Mar destina 500.000 euros á mellora e conservación dos recursos da Ría
O director xeral de Ordenación e Xestión dos Recursos Mariños, Pablo Fernández Asensio, asinou na mañá de onte na Delegación da Consellería de Mar de Carril 10 convenios coas confrarías salinenses da Illa de Arousa, Cambados, Carril, Vilanova, Vilaxoán e a pontevedresa de Marín co obxectivo de acadar unha mellora na xestión, conservación, protección e sustentabilidade da explotación dos recursos mariños.
O importe para a materialización destes traballos é de 509.400 euros e a súa vixencia prolongarase ata o vindeiro 31 de decembro de 2010, con posibilidade de prórroga.
Dentro dos 10 convenios, hai dous tipos de acordos. Un deles ten por obxecto paliar os efectos negativos que produce, entre outras actividades, a sobreexplotación dos recursos mariños. Para iso, contémplase a realización das actividades de conservación, protección e sustentabilidade da explotación dos recursos mariños mediante operacións de salvagarda do medio mariño e das súas especies, establecendo as condicións de acceso ás zonas de pesca.
Con estas actuacións preténdese mellorar as condicións para a produción (coidado, control e seguimento dos bancos marisqueiros) e loitar contra o a extracción ilegal.
O segundo dos acordos dos convenios asinados entre a Consellería do Mar e as confrarías da Illa de Arousa, Marín, Cambados, Carril, Vilanova e Vilaxoán vai encamiñado a mellorar a xestión das zonas de produción.
Nel inclúense accións dirixidas á implantación de técnicas de semicultivo, á elaboración de plans de explotación e de proxectos de rexeneración de zonas de produción e ao seguimento da produción efectiva dos bancos naturais marisqueiros.
.
Obxectivo > Deste xeito, o departamento autonómico que dirixe Rosa Quintana comprométese a destinar, afirma, “os medios persoais e materiais propios que sexan precisos para acadar o desenvolvemento e coordinación das accións obxecto dos convenios”.
Ademais, sinalan desde a Consellería, “farase un seguimento das accións en colaboración coas Confrarías e tomará as medidas pertinentes para o seu desenvolvemento normalizado”.
Loita contra o furtivismo e aumento da capacidade produtiva de áreas marisqueirasEstas aportacións da Consellería do mar ás confrarías da comarca do Salnés, centradas en proxectos de loita contra o furtivismo e mellora da xestión de bancos marisqueiros, vén sendo un chanzo máis na escaleira de colaboracións económicas que a administración autonómica mantén coas confrarías da Ría de Arousa e resto de Galicia.
As achegas aos pósitos por parte da Xunta, e doutras administracións, supón unha parte importante dos fondos que manexan as confrarías.
Neste sentido, cómpre lembrar, que no último informe do Consello de Contas de Galicia, publicado recentemente, sinalábase que as seis confrarías do Salnés recibiron subvencións ao longo do exercicio 2008 por unha suma superior aos 920.000 euros.
Trazabilidade > Por outra parte, a Consellería do Mar sinalaba onte mediante un comunicado que o reforzo no control sobre a trazabilidade dos moluscos servirá para mellorar a trazabilidade e salubridade dos produtos.
Dito reforzo anunciouse, indican desde a Xunta, o pasado 9 de febreiro no DOG e introduce unha modificación no proceso de emisión e control dos documentos de rexistro. Trátase, afirman, dunha modificación puntual que se lle comunicou previamente ao sector, en tanto non se revise toda a normativa.
Concretamente, as modificacións introducidas “teñen como obxectivo intensificar o control sobre a trazabilidade das partidas de moluscos, especialmente o mexillón, que se extraen das nosas augas e se colocan nos circuitos de comercialización ou transformación. Os aspectos que se modifican son especialmente dous”.
Fuente: Diario de Arousa
0 comentarios