As mariscadoras interceptan no Rial a tres furtivos que integrarían un grupo organizado
As mariscadoras de Vilaxoán interceptaron a inicios de esta semana a tres furtivos que estaban na zona da Punta Rial, un banco marisqueiro rico en diversos recursos produtivos. Segundo sospeitan desde a agrupación da pé vilaxoanesa, estas tres persoas formarían parte dun pequeno grupo organizado que leva un tempo operando na zona máis interna da Ría de Arousa.
Desde a directiva do colectivo de marisqueo vilaxoanés sinálase que estas persoas ían pertrechadas con traxes de neopreno, “o que fai que, pola noite, se metan ata o pescozo na auga e sexa difícil velos”.
As mariscadoras , que realizan tarefas e quendas de vixiancia, sinalan que tan pronto interceptaron a estas tres persoas, procederon a alertar aos vixiantes da Confraría “Virxe do Rosario” para que adoptasen as medidas pertinentes.
Desde a agrupación indican que levaban tempo oíndo falar de que había un grupo organizado, “de xente da zona”, que se estaba a dicar ao futivismo nos bancos marisqueiros de certas confrarías (Disque tamén teñen estado por Carril”). “Tamén nos dixeron que lles valía todo, desde marisco grande a semente pequena”, engaden.
Nos últimos meses xa son varios os grupos de furtivos interceptados na zona da Ría de Arousa, como Vilanova ou A Illa ou ben na beira norte, no Barbanza. Esta actividade ilegal estaría a sufrir un aumento, segundo diverasas fontes, da man da crise económica.
As perdas que o furtivismo causa ao sector do mar son amplas, e a súa persistencia é un dos cabalos de batalla de confrarías, agrupacións marisqueiras e administracións.
0 comentarios