Blogia
AGRUPACIÓN PARQUISTAS DE CARRIL

Comisan en Andalucía unha partida que amparaba marisco foráneo baixo o nome de ameixa de Carril

Comisan en Andalucía unha partida que amparaba marisco foráneo baixo o nome de ameixa de Carril

Inspectores da Junta de Andalucía interpectaron na mañán de onte nesta comunidade autónoma un camión cunha partida que, baixo o nome de “ameixa de Carril”, transportaría unha importante cantidade de bivalvo que non tiña nada que ver coa localidade arousá, indicando algunhas fontes incluso, que ese marisco podería ser estranxeiro.

Representantes da Junta, tras interceptar a partida, puxéronse en contacto coa Agrupación de Parquistas de Carril para preguntarlles pola ameixa que transportaba o camión, e que viría remitido co garante dunha depuradora da zona arousán. Fontes do colectivo de propietarios de viveiros carrilexos sinalan que, a tenor dos datos ofrecidos polos inspectores das Junta de Andalucía, quedaba ben claro que ese marisco non procedía de Carril.

“Ao parecer levaba unha importante cantidade de ameixa fina catalogada coma produto de Carril. E, polos datos que nos deron e que parece ser que figuraban na documentación, nada tiña que ver nin cos viveiros nin con Carril”, indican fontes do colectivo carrilexo.

É máis, diversas fontes, sinalan que aos inspectores da Junta de Andalucía extrañoulles e sorprendeulles certos datos “ben confusos” da documentación, “que espertaron as súas sospeitas”. Neste sentido, e sempre segundo estas personas, mesmo aparecía coma nome de contacto na documentación da partida un rapaz de 19 anos que, indican, “non ten nada que ver con este sector”.

En círculos dos parquistas non se extrañan de que se den este tipo de situacións, reiterando o seu “cansanzo” de que a ameixa co nome de Carril esté presente en múltiples mercados amparando un produto que non é tal.

Neste sentido, lembraban na xornada de onte os propietarios de viveiros, a garantía da calidade e trazabilidade dos bivalvos cultivados nos parques de Carril é un dos compromisos do colectivo, que aposta por poñer fin a situacións como a vivida onte en Andalucía.

 

Centro de control > A Agrupación de Parquistas de Carril traballa desde hai meses nun proxecto para certificar a calidade e a trazabilidade do produto dos viveiros, unha iniciativa coa que se pretende prantar cara ante o abundante “gato por lebre” que hai nos mercados con respecto á ameixa de Carril.

O presidente desta agrupación, José Luis Villanueva, resumiu a intención deste proxecto hai uns días ao sinalar: “Queremos poñer en marcha un centro de control nos parques que se encargue de controlar que a semente que chega aos viveiros sexa de calidade, certificada e totalmente identificada”.

E, así mesmo, que a produción que saia de aquí teña trazabilidade que garanta a súa orixe”. Unha iniciativa ambiciosa e importante, recoñecía José Luis Villanueva, que está en elaboración e da que xa foron informados representantes da administración autonómica polo propio colectivo de parquistas carrilexo.

A Agrupación carrilexa sinalaba ter claro que este centro de control suporía unha ventaxe moi considerable e significativa para este sector, que da emprego a unhas 600 familias.

“Non só dotaría de valor engadido ao noso produto, algo moi importante ante o mercado, senón que, o que é máis importante, o consumidor tería a garantía total de que o que ten nas mans é ameixa de Carril”, afirmaban desde o colectivo.

Para Villanueva “non pode ser que atopemos por todos os lados á venda ameixa que se vende coma se fose de Carril, cando non é tal”, o que considera un fraude ao consumidor. Os parquistas ven a posta en marcha deste sistema de control e de trazabilidade coma un proxecto viable e positivo.

Fuente: Diario de Arousa

0 comentarios