A Festa da Ameixa celebra a súa maioría de idade esta fin de semana servindo 6.000 racións da mellor ameixa do mundo
Carril acolle esta fin de semana a XVIII Festa da Ameixa, un evento gastronómico que celebra a súa maioría de idade servindo 6.000 racións da mellor ameixa do mundo cociñada á mariñeira, como manda a tradición. Aínda que o máis importante é degustar a saborosa ameixa de Carril, a festa contará con moitos máis alicientes, como o concurso de pratos, o nomeamento de Donas e Cabaleiros da Orde da Ameixa, entrega de premios e actuacións musicais e folclóricas.
A Festa da Ameixa está organizada pola Concellería de Promoción Económica, a Confraría de Pescadores Santiago Apóstol e a Agrupación de Parquistas. Estes dous colectivos son os encargados de subministrar e cociñar os 2.000 quilos de ameixa que se servirán durante a degustación a celebrar o domingo, 22 de agosto na Alameda de Carril. O día antes, o sábado 21, pola tarde, desenvolverase o Concurso de pratos cociñados a base de ameixa, no que poderán parrticipar tanto cociñeiros afeccionados como hostaleiros. Os interesados deberán inscribirse nas dependencias da Confraría ou nas oficinas dos parquistas, habendo un tope de 50 participantes. Un xurado catará os pratos e fallará tres premios que se darán acoñecer o domingo, no transcurso dos actos principais da Festa da Ameixa. O primeiro será de 1.000 euros, o segundo de 500 e o terceiro de 250. Todos os participantes recibirán un diploma. O día grande da Festa da Ameixa será o domingo cando o pregoeiro dea o pistoletazo oficial de saída á degustación. O pregoeiro deste ano é Tomás Alonso, o reporteiro do programa gastronómico da TVG “Larpeiros”. A continuación levarase a cabo o nomeamento de donas e cabaleiros da Orde da Ameixa coa imposición das bandas e boinas que leva como enseñas. Actuacións musicais e folclóricas animarán a xornada na que está previsto poñer a disposición dos comensais 6.000 racións de ameixa á mariñeira. A organización optou por manter os prezos da pasada edición, fixados en 8 euros a ración de ameixa e 7 a botella de viño. A concelleira de Promoción Económica, Rosa Abuín, salientou a importancia que a Festa da Ameixa ten para Vilagarcía a nivel de promoción turística e económica e tamén para exaltar e espallar a ben merecida fama, as virtudes e cualidades da Ameixa de Carril, “a mellor do mundo” e o “produto por antonomasia polo que Carril e Vilagarcía son coñecidos en toda España”.
0 comentarios