O arrastre de area na Compostela provoca a morte de cría de ameixa sementada hai uns meses
As mariscadoras de Carril non gañan para disgustos. Á mortandade de berberecho provocada en zonas coma Bamio polas intensas precipitacións de días pasados, únese agora o problema coa cría de ameixa sementada por este colectivo hai uns meses na Compostela.
Segundo sinalan desde a directiva da Agrupación de Marisqueo a Pé de Carril, nestes días produciuse un arrastre de area na Compostela que provocou unha acumulación de áridos sobre a área onde estas profesionais sementaran hai uns meses milleiros de crías de ameixa. Unha situación que provocou, afirman, a mortandade nunha cantidade importante destas ameixas.
E iso, ademais, vense sumar que durante moitas semanas as mariscadoras non poideron traballaer na Concha-Compostela por mor dos efectos dun verquido sucedido a finais de outubro.
Xa que logo, o final do 2010 e o inicio de 2011 non se están a caracterizar por ser do máis axeitado para esta agrupación, da que forman parte máis de 70 mariscadoras.
Importancia > Cómpre lembrar que a sementeira é unha das tarefas de importancia neste colectivo, que deste xeito se garante producción de bivalvos para os vindeiros anos. Neste sentido, as mariscadoras de Carril decidiron no seu momento crear un fondo, ao que cada socia da agrupación da pé aportaría 200 euros anuais, cantidade que en boa parte ten coma destino a compra de semente para os seus bancos. A elo hai que engadir as axudas e achegas (tanto económicas como en semente) que administracións como a Consellería do Mar realiza cada ano á Confraría carrilexa.
Dentro desta liña de traballo, as mariscadoras sementaron na Compostela o pasado mes de abril aproximadamente un millón de unidades de ameixa xapónica.
Por outra parte, e unha vez pasadas as datas navideñas, as cotizacións do marisco bivalvo experimentou un descenso na lonxa carrilexa, así coma nas da Ría.
Fuente: Diario de Arousa
0 comentarios