Blogia
AGRUPACIÓN PARQUISTAS DE CARRIL

«No Ulla hai estimadas 700 toneladas de berberecho comercial. Ten que estar aí»

«No Ulla hai estimadas 700 toneladas de berberecho comercial. Ten que estar aí» Cre que a impresión do sector adoita ser negativa no inicio da campaña, por iso pide «tempo» antes de emitir xuízo
O inicio da campaña de libre marisqueo está resultando frustrante para os mariñeiros arousáns. Especialmente nos Lombos, onde non aparece todo o berberecho de talla comercial co que contaban.
-As previsións eran bastante optimistas, pero a frota di que non hai berberecho grande.

-Efectivamente, as mostraxes dicían que no Ulla hai estimadas 700 toneladas de berberecho comercial. Ten que estar aí. Pero está mesturado con cantidades moito maiores de berberecho de talla non comercial. -¿Sorprendido entón coa reacción do sector?
-Non é que nos sorprenda, en absoluto. Nós informámoslles aos patróns maiores dos resultados das mostraxes, e non creo que estas fallasen. O que quizais fallou foi a expectativa que os profesionais se puideron facer de que eses berberechos ían estar todos xuntos. Hai 700 toneladas repartidas nunha superficie moi grande, en sete millóns de metros cadrados, imaxínese. Os bivalvos non están repartidos uniformemente; hai que atopar as zonas con máis concentración. -A «marteilia» é unha espada de Damocles sobre a campaña. ¿Pódese falar de previsións?
-Non. Sabemos que a marteilia, nos anos anteriores, foi rotunda. O que poida pasar este ano non o sabemos e, precisamente por iso, aproveitando que este ano o berberecho medrou máis rápido, autorizamos a súa extracción se os mariscadores son quen de escoller o produto. Cada ano hai máis recrutamento, e temos a esperanza de que o berberecho se vaia adaptando á enfermidade. O ano pasado, en Cambados, a marteilia foi máis tardía e a mortandade non afectou ao cento por cento da poboación. A ver se este ano os bancos do fondo da ría teñen este comportamento. Pero seguimos sen saber moitas cousas sobre a marteilia. Estáse investigando, pero aínda non temos información concluínte. -Este ano, a climatoloxía non está sendo a habitual. ¿Pode afectar iso ao estado dos bancos? -Sempre ten repercusións. Os anos extremos de choiva ou de altas temperaturas interfiren no ciclo vital das especies. A calor é boa para o crecemento, pero pode ser nefasta para especies como a ameixa fina. Esta está a padecer estrés pola temperatura da auga ademais dunha enfermidade asociada a ese fenómeno. E iso vaise notar tanto nos bancos de libre marisqueo como nas autorizacións. «Se as cousas non se torcen, esta vai ser unha campaña normal; aceptable»José Molares recorda que a campaña acaba de empezar. E que a estas alturas hai que ser cauto. «Hai que esperar a ter datos reais», di. -Falando de datos, ¿que din as mostraxes sobre O Bohído? Ese banco, o ano pasado, estivo sometido a moita presión. -O Bohído estivo sometido a un esforzo máis grande do normal, pero a poboación de babosa está nun nivel normal. Tamén hai bastante reló, e bicuda, aínda que é unha especie de pouco valor comercial. Non é un banco onde haxa moita xapónica e fina. -Nos portos fálase de que hai menos babosa e máis pequena. -A percepción nos primeiros días case sempre é negativa. Dificilmente se van atopar nas primeiras xornadas as zonas de máis abundancia; o marisco non está distribuído de forma uniforme. -¿E Cabío? -En Cabío tiñamos grandes expectativas, porque en abril detectamos un recrutamento moi grande. Pero chegamos a setembro e esa ameixa non está. ¿Que pasou? Non houbo mortandade nesa zona, e todo o mundo sabe o que iso significa. Dende logo, o banco non está como tiña que estar. -¿Como pensa que vai a ir a campaña? -Penso que, se as cousas non se torcen, vai ser unha campaña normal; aceptable.
Fuente: La Voz de Galicia

0 comentarios