Blogia
AGRUPACIÓN PARQUISTAS DE CARRIL

A Xunta tende a man á confraría de Carril para clarexar as dúbidas en relación coa ordenación dos seus parques de cultivo

A Xunta tende a man á confraría de Carril para clarexar as dúbidas en relación coa ordenación dos seus parques de cultivo

A pesar dos numerosos contactos e reunións informativas mantidas tanto co sector coma cos seus representantes ao longo do proceso e á vista da confusión xerada, o prazo de alegacións será ampliado para que ninguén quede sen poder exercer o seu dereito sobre a súa concesión.

“A prioridade é que abandonen o limbo no que levan décadas instalados e poidan gozar de seguridade xurídica dunha vez por todas”, asegura a directora xeral.

A directora xeral de Pesca, Acuicultura e Innovación Tecnolóxica, Mercedes Rodríguez, acompañada polo xefe territorial da Xunta en Pontevedra, José Manuel Cores Tourís, trasladou esta mañá ao patrón maior e presidente da Agrupación de Parquistas de Carril, José Luis Villanueva, o interese da Administración autonómica de regularizar canto antes a situación dos propietarios dos parques de cultivo da localidade vilagarciá de Carril.

“Estamos a falar dun proceso que se leva dilatando moitísimo no tempo e consideramos fundamental dotar de seguridade xurídica aos titulares dos permisos de explotación destes parques de cultivo acuícolas”, trasladou a directora xeral. Mercedes Rodríguez insistiu en tender a man para clarexar todas as dúbidas que poidan ter os titulares con este proceso que, despois de máis de dúas décadas, se atopa nunha fase moi avanzada do procedemento.

Nesta liña, a directora xeral trasladou ao patrón que, a pesar dos numerosos contactos e reunións informativas mantidas tanto co sector coma cos seus representantes ao longo do proceso e á vista da confusión xerada, o prazo de alegacións será ampliado para que ninguén quede sen poder exercer o seu dereito sobre a súa concesión. Tendo en conta que moitos dos titulares aseguraron que non alegarían por recomendacións externas, a directora xeral insistiu na necesidade de non deixar de facelo entendendo que un mal asesoramento non pode tirar por terra o dereito de cada titular a expresar -ao abeiro da legalidade- cantas cuestións considere oportunas para que sexan estudadas desde a Consellería.

“Non alegar o que cada concesionario considere oportuno é un erro dificilmente solventable, de aí que decidamos ampliar o prazo para que a xente entenda que non hai nada que ocultar. As alegacións presentadas poden ser revisadas, pero as que non son presentadas, obviamente, non poderán ser tidas en conta nunca”, asegurou Rodríguez Moreda.

“É importante traballar xuntos, manter o contacto e fomentar o diálogo en prol do sector para que este entenda que estamos a falar dun proceso necesario pensado exclusivamente no seu ben. A prioridade é que abandonen o limbo no que levan décadas instalados e poidan gozar de seguridade xurídica dunha vez por todas”, asegurou.

 

Fuente: xunta.gal


0 comentarios