«Pídolle as autoridades que baixen á beira do mar, que non nos abandonen»
O sector pesqueiro da provincia reclama das Administracións que teñan en conta as súas demandas
José Manuel Rosas foi unha das voces que desde a sociedade civil liderou a loita contra o fuel do Prestige na ría de Pontevedra. Hoxe pide ás Administracións que actúen e salven á flota de baixura e ao marisqueo galegos.
-¿Como vive a pesca esta crise?
-Parte da flota está saíndo ao mar, moitas veces perdendo e na maioría dos casos empatando. Hai sectores que están parados desde o día un da pandemia. Aquí fixeron unha chapuza, ao meu modo de ver, co decreto porque meteron a toda a pesca artesanal como produtos de primeira necesidade e os derivados desa pesca, e non é así. O percebe non é un produto de primeira necesidade, o marisqueo, os ourizos, a navalla, tampouco. Este sectores están parados e nunha desprotección total e absoluta e os días van pasando. Polo camiño vanse caendo outros sectores. O enmalle a semana pasada nin venderon e esta reiniciaron a actividade porque hai que facelo. O polbo en tramos caeu máis dun euro o quilo. Isto é un castelo de naipes, porque chegará un momento no que non che vai ser rendible saír ao mar.
-¿Que lle preocupa máis?
-Todo un pouco. Así como fixeron unha modificación do decreto para as perruquerías, que o fagan tamén co marisqueo e os recursos específicos. Ás autoridades pídolles que poñan o pe na beira do mar, porque co sector da pesca se equivocaron, porque non todos os sectores pescan alimentos de primeira necesidade. Se fixeran unha avaliación deses subsectores, automaticamente poderían entrar no cese de actividade colectivo, porque está todo o mundo parado. Poñen mil trabas e mil historias. ¿Por que teño que demostrar que perdín o 75 % da miña facturación do mes? ¿Que teño que presentar se o meu barco está amarrado porque non me compran a mercadoría? É certo que estamos vivindo unha catástrofe, unha situación moi delicada, e estamos pelexando contra un inimigo que non vemos vir, pero tampouco se poden deixar desprotexidos a moitos sectores.
-¿Que había que facer?
-Había que tomar medidas compensatorias, pero xa, reais, palpables, sen demasiada burocracia, sen demasiada tramitación. Hai que ter en conta que hai sectores amarrados por causa de forza maior, porque non tes quen te compre os produtos porque non o fan as depuradoras e os restaurantes están pechados. ¿Que che queda? Irte para a túa casa e cumprir co que che están dicindo, pero claro non podes quedar desprotexido. Isto é o que máis te fastidia. A este virus ímolo tumbar, e vencer e, aparte dos que por desgraza vaian quedando no camiño, isto servirá para cambiar moitas cousas, pero o que máis te derrota é que non sabes que dicirlle á xente, como aconsellala, porque desde o meu punto de vista deixáronnos cunha falta de información clara e desprotexidos.
-¿Con que medidas está podendo saír a xente ao mar e as lonxas?
-A subasta nas lonxas faise coa protección que fuches capaz de conseguir. As mascarillas están reservadas para eses sanitarios que teñen o aplauso de todos os corazóns dos españois e as 24 horas. Chapó por esa xente que se está xogando a vida. Nos nas lonxas estamos daquela maneira. ¿As recomendacións que fan desde as distintas Administracións de que hai que tomar a temperatura ao embarque, se alguén ten síntomas que o illemos no camarote, ¿en que están pensando? ¿Na baixura ou na mariña española? Está claro que estamos incumprindo porque non hai maneira de facelo. E na pesca estamos arrimando o hombro para que o mercado non quede desabastecido, pois o que pedimos é que as Administracións arrimen o hombro tamén para non deixar desprotexidos a sectores que xa hai moito tampo que están parados cunha incertidume non saben que lles vai pasar.
-Isto é peor que o Prestige.
-Daquela houbo peche total e una resposta económica, proxeteuse á pesca. Co Prestige tiñas unha vantaxe que podías reunirte, falalo, e dar un golpe na mesa. Agora estamos en confinamento. Non podemos vernos á cara, non hai o calor humano daquela.
Fuente: La Voz de Galicia
0 comentarios