Facebook Twitter Google +1     Admin

O rendemento por metro cadrado dun parque de Carril é 50 veces o dun banco de libre marisqueo

20101124105453-1.jpg

Os bancos marisqueiros colectivos obteñen un rendemento medio de 0,59 euros por metro cadrado, mentres nos parques de Carril, onde aplican medidas encamiñadas á mellora da produtividade, esta acada os 30 euros por metro cadrado. Os datos foron dados a raíz da xuntanza da Comisión de Pesca do Parlamento galego na que se debatía unha moción socialista sobre a mellora da produción de bivalvos.

Nunha nota, a voceira socialista Marisol Soneira sinalaba que o rendemento por metro cadrado presentaba unhas grandes diferencias entre un banco marisqueiro de libre e un viveiro de cultivo de Carril: 59 céntimos de euros fronte a 30 euros. En resumo, nos parques carrilexos extráese un rendemento medio 50 veces superior.

Un dato que chega en pleno debate aberto na Ría de Arousa sobre a conveniencia ou non de variar o actual modelo de xestión do libre marisqueo, que desde as confrarías do Barbanza consideran esgotado. Non así as do Salnés, que se ben están abertas a falar de melloras e iniciativas, entenden que o “reparto” entre os pósitos deses bancos non é o camiño axeitado.

Partidarios dun cambio no actual modelo de xestión, coma o patrón maior da Pobra do Caramiñal, lembraban hai unhas semanas que zonas de libre marisqueo coma Os Lombos do Ulla comprenden aproximademente 12 millóns de metros cadrados. Unha superficie enorme da que, en cambio, non se extrae un rendemento produtivo nin económico considerable.

Neste sentido, os parques de Carril (que suman unha superficie inferior aos dous millóns de metros cadrados) teñen un rendemento moito maior tanto en produción coma en volume de negocio.

Hai que sinalar que nos viveiros, concesións administrativas, desenvólvese ao longo do ano un traballo constante (limpeza, sementeira, loita contra os depredadores, reposición de area, entre outras labouras) que non se fai no banco de libre.

De feito, cómpre lembrar que a Agrupación de Parquistas de Carril anunciou este verán a elaboración dun ambicioso proxecto en base ao cal se pretende optimizar o rendemento de cada viveiro. Unha iniciativa, xa presentada á Consellería de Mar, e que tería unha duración de tres anos e medio, implicando a universidades, administración e o propio sector acuícola carrilexo.

Este proxecto abarca múltiples e variadas vertentes, desde o estudio de posibles patoloxías que poida ter a cría sementada nos viveiros ata a medición e control das correntes e sedimentación que se produce nos diferentes parques. Todo elo, e moito máis, cunha finalidade clara para os parquistas: Ter unha completa radiografía de todos os factores que determinan o rendemento dos viveiros de cara a optimizar a produción nos mesmos.

Fuente: Diario de Arousa



 

24/11/2010 10:54 agrupocarril #. ARTICULOS

Comentarios » Ir a formulario

agrupocarril

No hay comentarios

Añadir un comentario



No será mostrado.

(opcional)