En alerta ante os posibles efectos do vertido ao Ulla nos viveiros de cultivo
O fuel vertido esta fin de semana ao río Ulla pola empresa Picusa á altura de Padrón tamén preocupa aos parquistas de Carril, temerosos de que os efectos deste derrame contaminante poidan deixar algunha pegada nos viveiros de cultivo de bivalvos desta localidade.
O presidente da Agrupación de Parquistas de Carril, José Luis Villanueva, anunciou que a directiva do colectivo ía manter unha reunión para analizar esta situación, e non descartou contratar a técnicos e expertos para que realicen estudos e análises dos parques “para ver se ese vertido afectou ou pode ter efectos negativos sobre o noso marisco”.
A afección que sofre o cauce do Ulla por mor deste vertido é desigual. En torno a tres quilómetros do Río están “tocados” polo fuel, anque en forma de “galletas” de diferente tamaño, polo que a contaminación non é continua.
Unha das reivindicacións tradicionais dos parquistas durante os últimos anos foi o de poñer coto á contaminación na Ría de Arousa e nos ríos que desembocan nela.
A Concha > Neste sentido, José Luis Villanueva volveu incidir no “despropósito” que supón que nunha zona como a praia vilagarciá da Concha “existan emisarios que botan directamente a merda ao mar”, a escasos metros de zonas “onde se está cultivando alimento” e nun areal con gran presenza de usuarios.
Os parquistas lembran que esta situación denunciárona ao anterior goberno local “en varias ocasións” para que dese unha solución definitiva ao mesmo.
0 comentarios