Blogia
AGRUPACIÓN PARQUISTAS DE CARRIL

Os parquistas logran pasar a preengorde 30 millóns de crías de ameixa

Os parquistas logran pasar a preengorde 30 millóns de crías de ameixa

A “hatchery” que un grupo de parquistas de Carril puxo en marcha vai para tres anos no lugar do Couso (no termo municipal de Riveira) posúe xa en torno a 30 millóns de unidades de ameixa listas para o preengorde, fase que desenvolverán nunha batea “provisional” adaptada para tal fin mentres non entre en marcha a súa “nursery””. Estes 30 millóns de unidades son, non obstante, insuficientes, como lembran desde a propia agrupación de parquistas carrilexa, para satisfacer a demanda dos viveiros de cultivos de bivalvos desta localidade. No que respecta á “nursery”, os seus responsables confían en que poida estar operativa a inicios de verán, supoñendo un salto cualitativo para o sector.

A “hatchery” ten nestes momentos un volume de preto de 30 millóns de unidades de ameixa (principalmente babosa, pero tamén doutras especies como a xapónica) para o preengorde. Unha fase indispensable para que esta cría poida ser sementada nos viverios ou bancos marisqueiros, e que vai levarse a cabo nunha batea alquilada por este colectivo con carácter provisional, ata que entre en marcha a “nursery” dos parquistas, xa aprobada por Pesca e pendente da súa posta en marcha.

Os parquistas lembran que na recta final de 2007, preengordaron preto de 20 millóns de unidades de ameixa mediante esta batea provisional.

Importancia > A autorización para ubicar en augas arousás esta pranta de preengorde de semente de ameixa abre para este grupo de parquistas carrilexos unha serie de novas posibilidades e oportunidades, como recoñecía o presidente da agrupación, José Luis Villanueva, hai unhas semanas: “Agora podemos afrontar novos retos inasumibles ata o de agora”, e incide en que “poderemos poñer no mercado un produto que teña unha trazabilidade con total garantía”.

Esta “nursery” (que se está a construir) posúe unhas características que a fan única e pioneira na Ría de Arousa, e os seus responsables prevén que este verán esté operativa e en marcha. “Permitiranos pechar o ciclo produtivo que iniciamos na “hatchery”, lembraba Villanueva naquel entón.

Esta “nursery” sería unha plataforma flotante e transportable, alimentada por enerxía eólica e solar (pero dotada dun xenerador para emerxencias), que tería un moderno sistema de recirculación de auga.

A estrutura fondearase en augas da banda sur da Ría de Arousa co obxectivo de preengordar as crías milimétricas de bivalvos procedentes da “hatchery” que estes parquistas posúen en Riveira.

A ubicación desta instalación flotante e transportable realizarase nunha zona da Ría (xa elexida) que reúna unha serie de variables que garantan boas condicións naturais para o preengorde da semente.

Indispensable > Os propietarios dos parques de cultivo de bivalvos de Carril defenderon sempre a necesidade de contar cunha “nursery” como unha ferramenta indispensable para poder levar a cabo correctamente un perfecto proceso de produción de semente de ameixa, principalmente de babosa.

Na “hatchery” prodúcense larvas que se convirten en crías milimétricas, e que deben pasar por unha fase de preengorde para que a súa sementeira nos parques ou bancos teña garantías de que non se de unha alta mortandade (principalmente debido a factores coma os depredadores, pero tamén polas propias condicións nauturais das zonas onde se sementan as crías).

Fuente: Diario de Arousa




0 comentarios