Blogia
AGRUPACIÓN PARQUISTAS DE CARRIL

A nova Lei de Pesca, con importantes novidades para o sector, chega ao Parlamento galego para o seu debate

A nova Lei de Pesca, con importantes novidades para o sector, chega ao Parlamento galego para o seu debate

O texto recolle por primeira vez na normativa galega a figura da licenza de pesca profesional, que terá unha duración indefinida e que substituirá ao actual permiso de explotación

▪ Contempla a creación da Axencia de Desenvolvemento Sustentable das Zonas de Pesca e o Turismo Mariñeiro, que servirá de instrumento para fomentar e coordinar o desenvolvemento das zonas e poboacións pesqueiras galegas

▪ O Servizo de Gardacostas pasará a denominarse, coa nova Lei, Servizo de Inspección e Vixilancia Pesqueira

▪ A Administración galega contou para a elaboración deste texto coas suxestións dos representantes do sector pesqueiro galego e as achegas dos cidadáns a través da páxina web da Consellería de Pesca.

Recoller nun só texto normativo as cinco leis que rexen na actualidade a actividade pesqueira na nosa comunidade autónoma co obxectivo de modernizalas e adaptalas aos novos tempos foi un dos propósitos do traballo recompilado na nova Lei de Pesca de Galicia cuxo proxecto, que xa recibiu o visto e prace do Consello da Xunta no mes de xullo deste ano, foi presentado hoxe no Parlamento de Galicia pola Conselleira de Pesca e Asuntos Marítimos, Carmen Gallego Calvar, para o seu debate por parte dos grupos parlamentarios.

A responsable de Pesca explicou a necesidade de pór en marcha esta nova normativa “porque as que están vixentes son ríxidas e se atopan moi fragmentadas polas numerosas disposicións que as regulamentan”. Isto, segundo sinalou, provoca que non se dea unha resposta axeitada ás demandas e necesidades dos profesionais do mar.

 

Así, a nova Lei de Pesca de Galicia, que contou coa contribución de todos os representantes do sector ao longo de varios meses, inspirouse en sete principios fundamentais: participación, igualdade, corresponsabilidade na xestión dos recursos, de explotación sustentable, competitividade, mellora da calidade de vida e seguridade alimentaria. Ao redor destes preceptos, desenvolveuse o texto que conta con novidades tan importantes como a creación da figura da licenza de pesca profesional cunha duración indefinida (desaparece deste xeito o permiso de explotación), a creación dunha licenza que distingue entre marisqueo a pé e a flote -cunha vixencia de cinco anos-, ou a posta en marcha dunha Axencia de Desenvolvemento Sustentable das Zonas de Pesca e Turismo Mariñeiro. Tamén inclúe a figura das áreas mariñas protexidas, as áreas de acondicionamento mariño, áreas de repoboación ou as reservas mariñas e a extinción do Intecmar como ente de dereito público, que pasará a formar parte da estrutura orgánica da Consellería de Pesca e Asuntos Marítimos.

Outra das novidades do texto xurídico é a que se refire ás concesións de bateas, que se outorgarán por un período máximo de dez anos, que poderá ser prorrogado por períodos de tempo de igual duración, ata un máximo de trinta anos, se así o solicitase a persoa concesionaria. A nova lei inclúe un sistema de concesión mediante concurso público, baixo os principios de concorrencia competitiva, transparencia, publicidade, igualdade e equidade. Así, as concesións de actividade na zona marítimo-pesqueira concederanse a través dun concurso público no que se valorarán, entre outras cuestións, ter sido titular dunha autorización para o exercicio da acuicultura mariña en zona marítima no mesmo subsector, ter exercido habitualmente a explotación dunha concesión deste tipo, a experiencia nesta actividade e a adecuación aos criterios técnicos, sanitarios e ambientais que se determinen.

A nova Lei de Pesca de Galicia divídese en catorce títulos, estruturados en capítulos e seccións, e ten un total de 158 artigos, dez disposicións adicionais, sete transitorias, unha disposición derrogatoria e catro disposicións derradeiras. O título I é o que regula as disposicións xerais e establece as finalidades buscadas con esta lei, entre as que se atopan a viabilidade duradeira do sector pesqueiro; a mellora das condicións de vida da xente do mar; a explotación sostible, responsable e equilibrada dos recursos, e o respecto ao medio ambiente, así como e os aspectos socioeconómicos da actividade pesqueira.

O título II regula as medidas de conservación e xestión dos recursos e as medidas de protección e rexeneración dos mesmos. Entre estas, a Conselleira de Pesca destacou os plans de xestión anuais ou plurianuais para especies que se atopen nos límites biolóxicos de seguridade ou os plans de recuperación plurianuais para especies que se encontren fóra destes límites. Nesta liña, tamén fixo referencia a outras medidas de conservación como a fixación de tallas mínimas, as vedas e outras medidas de protección como son o establecemento de áreas mariñas pesqueiras protexidas.

A regulación da pesca marítima profesional aparece no título III, no que se recolle por primeira vez na normativa galega a figura da licenza de pesca profesional, desaparecendo, deste xeito, o actual permiso de explotación. A necesidade de dotar ao sector pesqueiro de instrumentos xurídicos que respondan de forma áxil, flexible, sinxela e funcional a unha realidade cambiante foi o acicate para este cambio que, tal e como sinalou a Conselleira de Pesca na súa intervención no Parlamento, contempla a duración indefinida da licenza e o seu carácter ineludiblemente ligado á embarcación. Conxuntamente con isto, a Lei regula unha nova figura: o permiso de pesca especial, de duración temporal, que se poderá aplicar cando as características especiais dunha pesqueiría aconsellen limitacións do esforzo pesqueiro ou medidas extraordinarias de conservación. Neste título tamén se regula a pesca marítima de lecer “como unha actividade plenamente implantada na sociedade galega e que como tal debe coexistir coa pesca profesional”, destacou Carmen Gallego.

O marisqueo vén regulado no título IV. Segundo explicou a titular de Pesca, e ao igual que acontece coa pesca marítima profesional, crearase a licenza de marisqueo, que distingue entre a pé e a flote e que, a diferencia do permex actual que ten unha validez anual, terá un prazo de duración de cinco anos. “Isto redundará nunha mellor planificación das actividades e das estruturas produtivas vencelladas ao marisqueo ao conferir maior proxección temporal no exercicio da actividade”. Neste título regúlase tamén a clasificación das zonas de explotación marisqueira que poderán ser de libre marisqueo, de autorización marisqueira ou de concesión marisqueira. A preferencia de acceso ás concesións determinarase primando aos titulares das concesións ou autorizacións, así como a experiencia no sector do subsector correspondente.

A acuicultura mariña está regulada no título V. Neste apartado promóvese un marco xurídico e administrativo estable que facilite a implantación, mantemento e desenvolvemento dunha acuicultura sustentable e socioeconomicamente rendible para os produtores e as poboacións costeiras do litoral galego. Este título tamén establece un sistema de concurso público para o acceso ás concesións en zona marítima, baixo os principios de publicidade, concorrencia competitiva, obxectividade e equidade.

A frota pesqueira galega abórdase no título VI e a súa regulación está inspirada no principio de que os buques de pesca son centros de traballo e, ao mesmo tempo, un lugar de convivencia dos profesionais. Por iso “deben de compaxinarse as dúas características na procura dunha mellora das condicións de vida e traballo a bordo”, explicou Gallego Calvar, quen anunciou tamén que “este principio inspirará toda a política galega na construción, modernización e reconversión dos buques de pesca”. Pola súa banda, o título VII recolle a regulamentación que ten que ver coas organizacións do sector pesqueiro e fai referencia expresa ás confrarías de pescadores, ás organizacións de produtores (OPPs), ás cooperativas do sector do mar e a outras entidades asociativas do sector, co fin de ampliar o abano e a participación na toma de decisións naquelas materias que poidan afectar aos intereses que representan. Ademais, a nova lei introduce políticas de igualdade entre homes e mulleres que se adican á actividade regulada no texto.

As actividades de comercialización, transformación e promoción dos produtos da pesca, o marisqueo e a acuicultura teñen cabida no título VIII que, como novidade, distingue entre a comercialización en orixe e a comercialización en destino. A regulación desta materia está orientada a conquerir unha mellora nos procesos contemplados neste título, para garantir a trazabilidade dos produtos, así como a súa perfecta identificación mediante marchamos de orixe e calidade, marcas ou calquer outro distintivo dos produtos galegos para a súa distribución nos mercados.

A creación da Axencia de Desenvolvemento Sustentable das Zonas de Pesca e o Turismo Mariñeiro vén desenvolvida no título IX. A responsable de Pesca e Asuntos Marítimos destacou a importancia da posta en marcha deste organismo, “que servirá de instrumento para fomentar e coordinar o desenvolvemento das zonas e poboacións pesqueiras galegas”. Trátase de lograr un desenvolvemento integral da pesca, entendida na súa dimensión máis ampla, que abrangue tanto a actividade extractiva e comercializadora, como a procura das melloras necesarias na calidade de vida das poboacións pesqueiras. Dentro deste título tamén se regula o turismo mariñeiro e unha serie de accións desenvolvidas polos colectivos de profesionais do mar que buscan, en conexión co Fondo Europeo da Pesca (FEP 2007-2013), a diversificación e complementariedade coa actividade económica principal da pesca e do marisqueo.

A investigación, o desenvolvemento tecnolóxico e a innovación veñen comprendidas no título X da Lei de Pesca. Este apartado define os obxectivos e accións de apoio e contempla, así mesmo, a necesidade de colaboración do sector para os cumprimentos dos fins da investigación, a innovación e o desenvolvemento tecnolóxico, facilitando as actuacións correspondentes a bordo dos buques, nos portos e nos centros de venda e aportando a información e medios necesarios.

No título XI, adicado á formación marítimo-pesqueira, faise unha enumeración das actuacións que deberá desenvolver a consellería competente para avanzar na formación xa que “toda mellora necesita, para a súa concrección, que a xente teña os coñecementos necesarios para poder levala adiante”.

Noutra liña, as inspeccións, a vixilancia e o control veñen regulados no título XII. En relación a isto, Carmen Gallego anunciou no Parlamento que o actual Servizo de Gardacostas dará paso, coa posta en marcha da nova Lei, ao Servizo de Inspección e Vixilancia Pesqueira, cuxos membros serán os encargados das funcións de inspección, vixilancia e control.

O título XIII do novo texto xurídico refírese aos rexistros. Tradicionalmente as administracións tenden a establecer obrigas de comunicación de datos e actualización dos mesmos, pero carece de mecanismos para poder absorber dun xeito ordeado toda a información que se presenta por parte do cidadán. Co establecemento do disposto neste título, que conta cun artigo único, a Xunta de Galicia pretende dotarse dunha serie de rexistros, perfectamente diferenciados e identificados, que sirvan de canle de información interna da Consellería e de sistema actualizado de coñecemento puntual e real da situación de todas e cada unha das actividades que se desenvolven en Galicia.

Por último, a Conselleira de Pesca explicou que o título XIV, o que regula o réxime sancionador, especifica que “as infraccións e sancións teñen que vir previstas na propia lei, sen que poidan crearse outras infraccións ou sancións mediante normas de carácter regulamentario”.

Para finalizar a súa explicación sobre a nova normativa, Carmen Gallego destacou que para a elaboración deste texto, a Administración galega contou coas suxestións dos representantes do sector, que participaron en numerosas xuntanzas; coas achegas dos cidadáns que fixeron as súas propostas a través dun buzón de participación pedurado na páxina web da Consellería; dos informes dos distintos departamentos da Xunta de Galicia , así como dos consellos Galego de Pesca e Económico e Social.

Fuente: Xunta Galicia

 

 

0 comentarios