Blogia
AGRUPACIÓN PARQUISTAS DE CARRIL

Galicia conta, 15 anos despois, cunha nova Lei de Pesca

Galicia conta, 15 anos despois, cunha nova Lei de Pesca
  

▪ Este mediodía foi debatido e sometido a votación no Pleno da Cámara galega o ditame elaborado pola Comisión 8ª de Pesca e Marisqueo sobre o Proxecto de Lei de Pesca

▪ A nova norma garante que a Xunta de Galicia desenvolverá os servizos de salvamento marítimo e loita contra a contaminación, e contempla que o Goberno galego potenciará os produtos da pesca artesanal, facendo mención á necesidade de que o mariñeiro se involucre na cadea de comercialización

▪ Carmen Gallego destacou na súa intervención que a nova Lei se adapta aos novos tempos e pon as bases para que a pesca galega teña futuro

▪ Entre as novidades que incorpora o texto legal destacan a creación da licenza de pesca profesional, cunha duración indefinida, e dunha licenza que distingue entre marisqueo a pé e a flote, igualando a cinco anos a súa vixencia

 

 

Santiago de Compostela, 25 de novembro de 2008.- A nova Lei de Pesca foi aprobada esta mediodía polos membros do Parlamento de Galicia despois de someter a debate e a votación o ditame elaborado pola Comisión 8ª de Pesca e Marisqueo sobre o Proxecto de Lei. A nova norma, que unifica nun único texto legal toda a lexislación que rexe na actualidade a actividade pesqueira na nosa comunidade autónoma, busca ser unha ferramenta útil e un instrumento áxil, dinámico e doado de comprender, tanto polos profesionais do mar, como polos propios traballadores da administración pública.

Na súa intervención no Pleno, a Conselleira de Pesca e Asuntos Marítimos, Carmen Gallego Calvar, destacou que a nova Lei se adapta aos novos tempos, logo de quince anos de vixencia da actual lexislación, e pon as bases para que a pesca galega teña futuro. Así mesmo, sinalou que a norma garante a duración sustentable dos recursos, potencia o emprego, fomenta o comercio responsable, reforza a formación e a cualificación profesional e, en definitiva, “permitirá que as xentes do mar vivan mellor”.

Despois de recibir o visto e prace do Consello da Xunta o pasado mes de xullo, o Proxecto de Lei de Pesca de Galicia pasou ao Parlamento para o seu debate á totalidade e, posteriormente, á Comisión 8ª de Pesca e Marisqueo para recibir as enmendas ao seu articulado por parte dos grupos parlamentarios. En total, na Comisión de Pesca e Marisqueo debatéronse 125 enmendas, das que 39 foron presentadas conxuntamente polo PSdG e o BNG e 86 polo PPdG. Delas aprobáronse, transaccionáronse ou aceptáronse por parte dos representantes dos grupos parlamentarios 57 enmendas e foron retiradas un total de 12.

Logo destes trámites, o novo texto incorporou a garantía de que a Xunta de Galicia será a encargada dos servizos de salvamento marítimo e loita contra a contaminación mariña. Así mesmo, engadiuse o apoio do executivo autonómico na loita por potenciar e promocionar os produtos da pesca artesanal e lograr que o mariñeiro se involucre na cadea de comercialización co fin de incrementar os seus beneficios.

Ademais, tras o seu paso pola Cámara galega, o texto enriqueceuse cunha mención á necesidade de eliminar as desigualdades sociais entre as persoas e os países e mais favorecer a erradicación da pobreza e das causas que a orixinan. Un aspecto que xa contempla a política de cooperación pesqueira internacional que leva a cabo a Consellería de Pesca actualmente cun total de 19 países.

Despois da aprobación da nova Lei no Parlamento de Galicia, agora só lle queda saír publicada no Diario Oficial de Galicia (DOG), para entrar en vigor aos seis meses da súa publicación. De aí en diante, a Administración pesqueira galega desenvolverá toda a regulamentación necesaria para a correcta aplicación e desenvolvemento desta nova normativa.

Para a elaboración deste texto, a Consellería de Pesca e Asuntos Marítimos contou coas suxestións dos representantes do sector, que participaron en numerosas xuntanzas; e coas achegas dos cidadáns, que fixeron as súas propostas a través do buzón de suxerencias pendurado na páxina web da Consellería. Así mesmo, solicitáronse informes aos distintos departamentos da Xunta de Galicia, ao Consello Galego de Pesca e ao Consello Económico e Social (CES). Así mesmo, para a súa redacción, o departamento que dirixe Carmen Gallego inspirouse en sete principios fundamentais: o de participación, igualdade, corresponsabilidade na xestión dos recursos, de explotación sustentable, competitividade, mellora da calidade de vida e seguridade alimentaria.

Novidades máis destacadas da nova Lei de Pesca

A Lei de Pesca, aprobada hoxe polos deputados galegos, conta con novidades tan importantes como a creación da figura da licenza de pesca profesional cunha duración indefinida (desaparece deste xeito o permiso de explotación), a creación dunha licenza que distingue entre marisqueo a pé e a flote -que iguala a cinco anos a vixencia de ambas as dúas-, ou a posta en marcha dunha Axencia de Desenvolvemento Sustentable das Zonas de Pesca e a regulación do turismo mariñeiro. Tamén inclúe a figura das áreas mariñas protexidas, as áreas de acondicionamento mariño, áreas de repoboación ou as reservas mariñas e a extinción do Intecmar como ente de dereito público, que pasará a formar parte da estrutura orgánica da Consellería de Pesca e Asuntos Marítimos.

Outra das novidades do texto xurídico é a que se refire ás concesións de bateas, que se outorgarán por un período máximo de dez anos, que poderá ser prorrogado por períodos de tempo de igual duración, ata un máximo de trinta, se así o solicitase a persoa concesionaria. A nova lei inclúe un sistema de concesión mediante concurso público, baixo os principios de concorrencia competitiva, transparencia, publicidade, igualdade e equidade. Así, as concesións de actividade na zona marítimo-pesqueira concederanse a través deste sistema no que se valorarán, entre outras cuestións, ter sido titular dunha autorización para o exercicio da acuicultura mariña en zona marítima no mesmo subsector, ter exercido habitualmente a explotación dunha concesión deste tipo, a experiencia nesta actividade e a adecuación aos criterios técnicos, sanitarios e ambientais que se determinen.

Así mesmo, hai que destacar que a nova Lei incorpora as esixencias da política de igualdade entre homes e mulleres, sobre todo, no que ten que ver coas organizacións do sector pesqueiro galego. Máis en concreto, a norma incorpora a igualdade na configuración dos órganos de dirección das confrarías de pescadores, buscando darlle ás mulleres do mar o recoñecemento ao traballo de toda unha vida que poucas veces lle foi recoñecido.

Segundo explicou a Conselleira de Pesca e Asuntos Marítimos na súa intervención no Parlamento, “esta é a Lei que, tanto Galicia como o seu sector pesqueiro, precisan”.

Estrutura da Lei

A nova Lei de Pesca de Galicia divídese en catorce títulos, estruturados en capítulos e seccións, e ten un total de 158 artigos. O título I é o que regula as disposicións xerais e establece as finalidades e fins que debe perseguir a política pesqueira en Galicia. Entre elas atópanse a viabilidade duradeira do sector pesqueiro; a mellora das condicións de vida e de traballo das xentes do mar; a explotación sustentable, responsable e equilibrada dos recursos baseada nun asesoramento científico e tendo en conta os aspectos ambientais e socioeconómicos da actividade pesqueira.

O título II regula as medidas de conservación e xestión dos recursos e as medidas de protección e rexeneración dos mesmos nas que a participación activa do sector pesqueiro é fundamental, básica e necesaria. Entre estas, destacan por exemplo os plans de xestión anuais ou plurianuais para especies que se poidan atopar nos límites biolóxicos de seguridade ou os plans de recuperación plurianuais para especies que se encontren fóra destes límites. Nesta liña, esta apartado contempla outras medidas de conservación como a fixación de tallas mínimas, as vedas e outras actuacións de protección como son o establecemento de áreas mariñas pesqueiras protexidas.

A regulación da pesca marítima profesional aparece no título III, no que se recolle por primeira vez na normativa galega a figura da licenza de pesca profesional, desaparecendo, deste xeito, o actual permiso de explotación. A necesidade de dotar ao sector pesqueiro de instrumentos xurídicos que respondan de forma áxil, flexible, sinxela e funcional a unha realidade cambiante foi o acicate para este cambio que contempla a duración indefinida da licenza e o seu carácter ineludiblemente ligado á embarcación e a asignación de posibilidades de pesca a través da identificación da modalidade autorizada. Conxuntamente con isto, a Lei regula unha nova figura: o permiso de pesca especial, de duración temporal, que se poderá aplicar cando as características especiais dunha pesqueiría aconsellen limitacións do esforzo pesqueiro ou medidas extraordinarias de conservación. Neste título tamén se establece a creación de censos por modalidades, pesqueiras e caladoiros e regúlase a pesca marítima de lecer como unha actividade plenamente implantada na sociedade galega e que como tal debe coexistir coa pesca profesional.

O marisqueo vén regulado no título IV que contempla a creación da licenza de marisqueo, que distingue entre a pé e a flote e que iguala o período de vixencia para ambos, establecéndoo en cinco anos (ata o de agora o permiso para marisqueo a pé renovávase anualmente). Este cambio con respecto á lexislación vixente redundará nunha mellor planificación das actividades e das estruturas produtivas vencelladas ao marisqueo ao conferir maior proxección temporal no exercicio da actividade. Neste título establécese tamén a clasificación das zonas de explotación marisqueira que poderán ser de libre marisqueo, de autorización marisqueira ou de concesión marisqueira. A preferencia de acceso ás concesións determinarase primando aos titulares das concesións ou autorizacións, así como a experiencia no sector do subsector correspondente.

A acuicultura mariña está regulada no título V. Neste apartado promóvese un marco xurídico e administrativo estable que facilite a implantación, mantemento e desenvolvemento dunha acuicultura sustentable e socioeconomicamente rendible para os produtores e as poboacións costeiras do litoral galego. Este título tamén establece un sistema de concurso público para o acceso ás concesións en zona marítima, baixo os principios de publicidade, concorrencia competitiva, obxectividade e equidade.

A frota pesqueira galega abórdase no título VI e a súa regulación está inspirada no principio de que os buques de pesca son centros de traballo e, ao mesmo tempo, un lugar de convivencia dos profesionais. Por iso, establece que deben compaxinarse as dúas características na procura dunha mellora das condicións de vida e traballo a bordo, aspectos nos que se baseará toda a política galega no tocante á construción, modernización e reconversión dos buques de pesca. Pola súa banda, o título VII recolle a regulamentación que ten que ver coas organizacións do sector pesqueiro e fai referencia expresa ás confrarías de pescadores, ás organizacións de produtores (OPPs), ás cooperativas do sector do mar e a outras entidades asociativas do sector, co fin de ampliar o abano e a participación na toma de decisións naquelas materias que poidan afectar aos intereses que representan. É aquí onde se fai máis visible a introdución de políticas de igualdade entre homes e mulleres que se adican á actividade pesqueira co fin de que as mulleres poidan ter igualdade de condicións á hora de acceder aos órganos de goberno ou dirección destas entidades.

As actividades de comercialización, transformación e promoción dos produtos da pesca, o marisqueo e a acuicultura teñen cabida no título VIII. A regulación desta materia está orientada a conquerir unha mellora nos procesos contemplados neste título, para garantir a trazabilidade dos produtos, así como a súa perfecta identificación mediante marchamos de orixe e calidade, marcas ou calquera outro distintivo dos produtos galegos para a súa distribución nos mercados. Así mesmo, o Goberno de Galicia contribuirá a promover o desenvolvemento da actividade comercializadora das empresas galegas en condicións de igualdade e competitividade coa demais empresas.

A creación da Axencia de Desenvolvemento Sustentable das Zonas de Pesca e a regulación do turismo mariñeiro desenvólvense no título IX. A importancia da posta en marcha deste organismo reside en que servirá de instrumento para fomentar e coordinar o desenvolvemento das zonas e poboacións pesqueiras galegas. Trátase de lograr un desenvolvemento integral da pesca, entendida na súa dimensión máis ampla, que abrangue tanto a actividade extractiva e comercializadora, como a procura das melloras necesarias na calidade de vida das poboacións pesqueiras. Dentro deste título tamén se regula o turismo mariñeiro e unha serie de accións desenvolvidas polos colectivos de profesionais do mar que buscan, en conexión co Fondo Europeo da Pesca (FEP 2007-2013), a diversificación e complementariedade coa actividade económica principal da pesca e do marisqueo.

A investigación, o desenvolvemento tecnolóxico e a innovación veñen comprendidas no título X da Lei de Pesca. Neste apartado evidénciase que toda política pesqueira debe partir dun coñecemento científico sólido, tanto biolóxico, como tecnolóxico, ambiental, socioeconomico, nutricional ou sanitario. Neste sentido, este coñecemento debe ter unha aplicación e un dimensionamento práctico que debe tender a traducirse en políticas de innovación e desenvolvemento sustentable que logren avances nos mecanismos e nas condicións de explotación e comercialización dos produtos do mar e da acuicultura. Tal e como se recolle neste título, a implicación e participación do propio sector pesqueiro é fundamental.

No título XI, adicado á formación marítimo-pesqueira, faise unha enumeración dos programas e actuacións que deberá desenvolver a consellería competente para avanzar na formación e cubrir as necesidades existentes nesta materia, xa que toda mellora necesita, para a súa concrección, que a xente teña os coñecementos necesarios para poder levala adiante.

Noutra liña, as inspeccións, a vixilancia e o control, salvamento marítimo e loita contra a contaminación mariña veñen regulados no título XII. En relación a isto, o actual Servizo de Gardacostas dará paso, cando entre en vigor a nova Lei, ao Servizo de Inspección e Vixilancia Pesqueira, cuxos membros serán os encargados das funcións de inspección, vixilancia e control, así como de salvamento marítimo e loita contra a contaminación mariña.

O título XIII do novo texto xurídico refírese aos rexistros dos que pretende dotarse a Xunta de Galicia que servirán de canle de información interna da consellería competente, e de sistema actualizado de coñecemento puntual e real da situación de todas e cada unha das actividades que se desenvolven en Galicia.

Por último, o título XIV do texto normativo é o que regula o réxime sancionador e configura un marco xurídico aplicable ao incumprimento da normativa vixente en materia pesqueira. Neste apartado recóllese a tipificación das infraccións e sancións en materia de pesca profesional e recreativa en augas interiores de Galicia e desenvólvese o réxime sancionador da lexislación básica do Estado referente á ordenación do sector e á comercialización dos produtos do mar.

Fuente: Xunta de Galicia

 

 

0 comentarios