Blogia
AGRUPACIÓN PARQUISTAS DE CARRIL

Carril prepárase para celebrar a 17 Festa da Ameixa, mentres planifica a primeira dedicada ao Berberecho

Carril prepárase para celebrar a 17 Festa da Ameixa, mentres planifica a primeira dedicada ao Berberecho

A Concellería de Turismo, a Agrupación de Parquistas e a Confraría traballan arreo para que o día 23, domingo, Carril luza as súas mellores galas para celebrar a XVII Festa da Ameixa. A organización prevé servir arredor de seis mil racións do famoso bivalvo e baixo unha única receita, as ameixas á mariñeira, o prato tradicional de Carril. Os prezos serán “populares”: 8 euros a ración e 7 a botella de albariño.

Aínda que o acto central será a degustación de ameixas, o domingo, a partir das 12,00 horas, a Festa inclúe outros moitos ingredientes. Así, o sábado 22, a partir das 20,30 horas, celebrarase o tradicional concurso de pratos cociñados a base de ameixa, unha cita aberta a todo aquel que queira demostrar publicamente as súas dotas culinarias. O mesmo día actuará o grupo de gaitas e baile Malveiras.

Ao día seguinte, domingo 23, os actos comezarán ás 11,45 horas, coa recepción de autoridades na Confraría de Santiago Apóstol. Logo, a comitiva se dirixirá cara á Alameda, onde se abrirán os postos de degustación e se procederá á lectura do pregón, este ano a cargo do regatista vilagarcián e medalla de ouro en Pekín 2008, Antón Paz Blanco. De seguido, se entregarán os premios do concurso de cociña e se nomearán os novos cabaleiros e damas da Orde da Ameixa, nun acto presidido pola Gran Mestre da Orde, a conselleira do Mar, Rosa Quintana.

Durante a degustación de ameixa –en total están previstas 6.000 racións- haberá actuacións musicais e folclóricas, a cargo dos grupos Malveiras e Xirifeiros.

Os prezos, como queda dito, serán populares, mantendo os do ano pasado: ameixas (á mariñeira, con pan e prato decorativo), 8 euros; botella de albariño Maior de Mendoza, 7 euros; refrescos, 1 euro; cataviños, 1,5 euros; pratos, 1,50; e camiseta conmemorativa (unha das novidades deste ano), 5 euros.

A diferenza do ano pasado, nesta ocasión a festa volve aos seus orixes e non haberá degustación doutros produtos ou preparacións. Así, segundo anunciaron os presidentes da Agrupación de Parquistas, José Luís Villanueva, e da Confraría, Fernando Franco, ambas organizacións, xunto co Concello, están xa a traballar na realización dunha festa específica do Berberecho de Carril, xa que, como a ameixa, ten un carácter único.

Fuente: www.ivilagarcia.com

0 comentarios