Os parquistas avalían os danos provocados polas intensas chuvias destes días
Son momentos de tensión e preocupación en Carril, onde boa parte da economía xira en torno aos parques de cultivo de bivalvos (existen máis de 1.300). Uns viveiros cuxa produción pode verse seriamente afectada polas intensas chuvias de días pasados, que xeraron bruscos descensos da salinidade que xa deixaron a súa pegada nalgúns parques do Bao, onde se detectou a mortandade dalgunhas cantidades de ameixa babosa. Estes días de ponte foron para os parquistas de inquietude e preocupación. Os efectos reais das chuvias coñeceranse nos vindeiros días, podendo comprobarse entón se a ameixa resistiu a gran cantidade de auga doce que se deu nos viveiros. A ameixa babosa é a máis sensible aos cambios bruscos na salinidade. Pero de darse unha nova riada, mariscos máis “fortes”, coma o berberecho ou a xapónica, tamén poderían sucumbir. Consecuencias > Desde a propia Confraría de Carril recoñecíase xa a finais da semana pasada a preocupación pola situación a que se podía ver abocada a producción marisqueira dos parques de manterse as precipitacións. Una nova mortandade de marisco botaría por terra non só a campaña de Nadal, senón tamén boa parte das de arranque de 2010, pois tamén mataría o bivalvo de tamaño pequeno e mediano. As negras perspectivas levaron a comezos da semana pasada a non poucos parquistas a optar por reparcar parte do marisco de tamaño non comercial que tiñan nos seus viveiros, así como a extraer aquel que si se podía vender para poñelo no mercado e evitar que morrese afectado polos descensos de salinidade. Elo provocou que en todos estes días en Carril se vivise unha importante actividade nos viveiros de cultivo. A lembranza de recentes riadas, coas súas perdas millonarias para este sector carrilexo, segue na mente de todos estes días, co temor a que eses episodios do pasado se volvan producir. Fuente: Diario de Arousa
0 comentarios