Blogia
AGRUPACIÓN PARQUISTAS DE CARRIL

Varios parquistas doan a integridade das axudas da Deputación polas riadas a beneficio da Agrupación

Varios parquistas doan a integridade das axudas da Deputación polas riadas a beneficio da Agrupación

Varios membros da Agrupación de Parquistas de Carril decidiron doar a integridade das axudas que percibiron por parte da Deputación de Pontevedra con motivo das riadas de novembro do 2006. Esta decisión foi tomada nunha Asemblea Xeral despois de que retrasos administrativos na Consellería de Pesca dende hai xa 17 anos impedisen que todos os propietarios tivesen na súa man a documentación que se requería nas solicitudes. Esta situación repercutiu en aportacións desfasadas entre os propios propietarios dado que a cantidade a repartir non se reduciu, pero si o número de beneficiarios. O diñeiro doado irá a parar a obxectivos de tipo práctico como, por exemplo, a vixilancia.

O presidente da Agrupación de Parquistas, José Luis Villanueva, e o vicepresidente da mesma entidade, Ramón Trigo Fernández, foron dous dos beneficiaros que decidiron apostar pola “equidade” e ceder as axudas recibidas ao fondo común do colectivo. Deste xeito eses cartos que, como din eles, “ao fin e ao cabo son de todos” poderán ser utilizados nun futuro para, por exemplo, mellorar o necesario sistema de vixilancia nos parques de cultivo.

Esta situación vén provocada por un certo “desfase administrativo” que os parques carrilexos levan arrastrando dende hai máis de 17 anos, xusto tras a publicación do Decreto 158 do ano 1991. Para ser beneficiario das axudas ofertadas, a Deputación de Pontevedra requería unha serie de documentación que moitos propietarios, polo retraso nomeado anteriormente, non posúen a día de hoxe. Deste xeito os 100.000 euros aportados polo organismo provincial (calculados segundo a superficie afectada) foron a parar aos petos de pouco máis de 70 titulares, no canto dos máis de 600 que suman o millón de metros cadrados de viveiros.

Este reparto derivou, como é lóxico, en que a maioría dos produtores recibise unha cantidade maior que a que lle corresponde en realidade pola superficie que posúen.

José Luis Villanueva sinalou que a fórmula da doación foi seguida polos membros da directiva que si puideron cobrar as axudas e que algún propietario externo ten pensado sumarse tamén a esta iniciativa. De todas formas, a día de hoxe o presidente da Agrupación de Parquistas no ten contabilizado con exactitude qué cantidade exacta se ten ingresado no fondo do colectivo a raíz destes donativos.

Fins comúns > Tanto José Luis Villanueva como Ramón Trigo sinalan que unha vez que se coñeceu a intención da Deputación de subvencionar aos afectados polas riadas, a directiva da Agrupación puxo todo da súa man para que os 100.000 euros puidesen ser repartidos dende a propia entidade, algo que ao final non puido ser.

De momento non hai nada concreto respecto de qué se vai facer cos donativos, pero a intención da Agrupación carrilexa é a de destinar os cartos que se recauden para “fins comúns” como, por exemplo, mellorar a vixilancia.

Fuente: Diario de Arousa

 

0 comentarios