Os parquistas alertan de que partidas como a decomisada en Andalucía non son algo aillado
A Agrupación de Parquistas denunciou que feitos como o acontecido esta semana en Andalucía, co decomiso nesa comunidade española da partida que un camión transportaba baixo o nome de ameixa de Carril e que amparaba marisco foráneo, “non son algo aillado, senón que é un problema que sofrimos desde hai tempo e en moitos lugares”, en palabras do presidente do colectivo carrilexo, José Luis Villanueva. Para este sector, que da emprego a centos de persoas, este tipo de sucesos só acabarán cando a ameixa de Carril poida ser debidamente certificada como tal. Un obxectivo, por certo, que Villanueva lembra que “desde a agrupación levamos anos intentando desenvolver”. Neste sentido, o presidente dos parquistas sinala que a Agrupación traballa desde hai tempo nun proxecto para certificar a calidade e a trazabilidade do produto dos viveiros, unha iniciativa coa que se pretende prantar cara ante o abundante “gato por lebre” que hai nos mercados con respecto á ameixa de Carril. Villanueva, resumía hai uns días a intención deste importante proxecto: “Queremos poñer en marcha un centro de control nos parques que se encargue de controlar que a semente que chega aos viveiros sexa de calidade, certificada e totalmente identificada. E, así mesmo, que a produción que saia de aquí teña trazabilidade que garanta a súa orixe”. Unha iniciativa ambiciosa e importante, recoñece Villanueva, está en fase de elaboración e da que xa foron informados representantes da administración autonómica polo propio colectivo de parquistas carrilexo. A Agrupación ten claro que este centro de control suporía unha ventaxe moi importante para o sector: “Non só dotaría de valor engadido ao noso produto, algo moi importante ante o mercado, senón que, o que é máis importante, o consumidor tería a garantía total de que o que ten nas mans é ameixa de Carril”. Para José Luis Villanueva “non pode ser que atopemos por todos os lados á venda ameixa que se vende coma se fose de Carril, cando non é tal”, o que considera un fraude ao consumidor. Os parquistas ven a posta en marcha deste sistema de control e de trazabilidade coma un proxecto que é viable e positivo. Conscientes de que a “ameixa de Carril” é unha “marca” con enorme prestixio, traballan para que nos nmercados esta identificación se corresponda ao produto real.
Fuente: Diario de Arousa
0 comentarios