Blogia
AGRUPACIÓN PARQUISTAS DE CARRIL

A asamblea dos parquistas impulsa proxectos para mellorar a produtividade dos viveiros

A asamblea dos parquistas impulsa proxectos para mellorar a produtividade dos viveiros

A Agrupación de Parquistas de Carril celebrou na tarde de onte no Auditorio Municipal de Vilagarcía a súa asemblea xeral, unha cita na que se analizaron diversos proxectos de importancia para este sector, así coma outras cuestións máis vencelladas coa organización interna.

Entre os puntos da orde do día desta asemblea xeral figuraban cuestións como as relativas á rexeneración dos parques mediante aportes de áridos para o periodo 2010/2011 ou ben a análise do punto en que se atopa actualmente o proceso de revisión e reordenación dos viveiros. Así mesmo, unha técnica informou aos parquistas presentes na xuntanza celebrada no Auditorio Municipal das liñas de crédito a baixo interese para a adquisición de semente.

Unha das cuestións de fondo que se ían expoñer na asemblea de onte era o ambicioso proxecto de optimización da produción nos parques elaborado pola agrupación carrilexa e xa presentado á Consellería de Mar.

 

Importancia > Esta iniciativa tería unha duración de tres anos e medio, e avoga por implicar a universidades, administración e ao propio sector acuícola carrilexo. “Non se fixo nada parecido”, afirmaba hai unhas semanas o presidente da Agrupación, José Luis Villanueva, que resaltaba naquel entón que o proxecto abarca múltiples vertentes, desde o estudio de posibles patoloxías que poida ter a cría sementada nos viveiros ata a medición e control das correntes e sedimentación dos diferentes parques.

Todo elo cunha finalidade clara: Ter unha completa radiografía de todos os factores que determinan o rendemento dos viveiros de cara a optimizar a produción nos mesmos.

“A posta en marcha deste plan require un importante investimento económico, así como de medios e persoal. Pero é un paso importante na responsabilidade do propio sector na investigación e estudio”, argumentaba Villanueva, que sinalaba que este proxecto tamén se centraría en aspectos coma determinar as causas da mortandade da ameixa (non sempre atribuibles ás riadas) ou a catalogación dos depredadores dos bivalvos.

Un dos capítulos contemplados neste estudo centraríase en estudar as características de cada zona de parques para, en base ás correntes que lles afectan, o sustrato, a densidade óptima a sementar en cada zona para ter o mellor rendemento, ter un completo mapa da pontencialidade dos viverios, unha ruta a seguir nos vindeiros anos.

Nesta liña, os parquistas contemplan no seu estudio a necesidade de ubicar boias para medir diferentes variables, desde a contaminación ata mostraxes semanais de correntes, salinidade.., o que lles permitirá de fornecerse de datos obxectivos para deseñar futuras actuacións.

Os parques de cultivo de Carril son un dos motores económicos e laborais da comarca máis importantes dos que existen ligados ao mar. A produción de bivalvos nos 1.200 parques existentes en Carril é de varios millóns de quilogramos ao ano. En 2009, a lonxa carrilexa xerou un volume de negocio por subasta de bivalvos de máis de 5 millóns de euros.

Fuente:Diario de Arousa

0 comentarios