Instan a reforzar a loita contra marisco importado que se vende coma galego
Axentes da Policía Autonómica e o Servizo de Gardacostas da Consellería do Mar incautáronse esta fin de semana de 1.700 quilogramos de ameixa procedente de Portugal que se pretendía introducir en Galicia para a súa comercialización como galega.
Unha actuación, este decomiso de 1.700 quilos de ameixa xapónica lusa, da administración autonómica que é aplaudida e recoñecida polo sector do mar, que leva anos denunciando que hai marisco importado que se comercializa coma galego, e pedindo que se interveña contundentemente nestes casos.
O dispositivo activado por Gardacostas e Policía na madrugada do venres ao sábado consisteu en controlar o transporte por estrada desta falsa ameixa galega.
Con este obxectivo dende as 4.00 horas da madrugada estableceuse un dispositivo estático de control na AP-9, concretamente na ponte internacional próxima a Tui dirección Galicia, e cortouse un carril da autovía.
Os axentes inspeccionaron preferentemente camións e furgonetas tipo isotermos, así como algúns turismos sospeitosos, levantando dúas actas de infracción a un camión e unha furgoneta que levaban, respectivamente, 1.350 e 350 quilos de ameixa xapónica procedente de Portugal.
Toda esta mercadoría comisada non posuía documentación que amparase a súa procedencia e foi destruída por non estar depurada e por descoñecer a zona extractiva.
Ademais da importante cantidade de marisco decomisado, a citada operación saldouse cun total de 66 persoas identificadas, 44 vehículos rexistrados e 26 actas de inspección.
Cómpre lembrar, neste sentido, que hai uns meses inspectores da Junta de Andalucía interpectaran nunha estrada desta comunidade autónoma española un camión cunha partida que, baixo a denominación de ameixa carrilexa, transportaría unha importante cantidade de bivalvo que non tiña nada que ver coa localidade arousá.
Fuente: Diario de Arousa
0 comentarios