Blogia
AGRUPACIÓN PARQUISTAS DE CARRIL

Quintana insiste na necesidade dun novo decreto para os parques de Carril

Quintana insiste na necesidade dun novo decreto para os parques de Carril

A conselleira do Mar, Rosa Quintana, insistiu onte no Parlamento galego na necesidade de reordenar e revisar as concesións dos parques de Carril “a través dun novo decreto que conduza ao éxito para todos os parquistas da zona, sen excluír a ninguén”.

Quintana avanzou que o seu borrador verá a luz no primeiro trimestre de 2012 e permitirá asegurar nun futuro a viabilidade desta actividade de forma que se poida seguir producindo ameixa de excelente calidade “con seguridade xurídica e baixo un marco regulador xusto e equilibrado”.

A titular de Mar explicou que o actual decreto, de 1991, ademais de quedar obsoleto, fracasou “e por iso é preciso cambiar de fórmula, máis non de rumbo”. De feito, na actualidade, sinalou que ningún dos parquistas de Carril ten o título habilitante definitivo que acredite que é titular dunha concesión a día de hoxe.

O que pretende a Xunta é xerar un proceso exclusivamente técnico e consensuado co sector afectado, baixo criterios netamente obxectivos.

Nestes momentos, tal e como explicou a titular do departamento autonómico, estanse a desenvolver as consultas xurídicas necesarias para poder redactar un documento que teña como obxectivo dar resposta ás necesidades reais achegadas nos últimos vinte anos, é dicir, a aspectos tan importantes coma o control e garantía hixiénico-sanitaria, a trazabilidade, a comercialización ou as propias características técnicos-biolóxicas da actividade.

A Consellería do Mar considera que outro dos problemas do actual decreto era a non participación só como colaborador de Costas do Estado e xa manifestara á importancia de que este organismo participe directamente neste proceso para asegurar o seu éxito. A tal efecto, Mar anunciou que se porá en contacto coa Dirección Xeral de Costas unha vez que teña redactado o borrador para traballar conxuntamente no texto.

Quintana asegurou que enviará do mesmo tamén no Parlamento e, “de forma preferente e directa a todos e cada un os parquistas de Carril e as súas entidades representativas”.

 

Sector > As afirmacións da conselleira no Parlamento prodúcense nun clima de revoltura en Carril. onde tanto desde Confraría coma Agrupación estanse a desenvolver múltiples iniciativas de rexeite a un novo decreto para os viveiros de cultivo e bivalvos.

Fuente: Diario de Arousa

0 comentarios