DECRETO 48/2013, do 7 de marzo, polo que se modifica o Decreto 425/1993, do 17 de decembro, polo que se refunde a normativa vixente sobre o permiso de explotación para exercer a actividade pesqueira e marisqueira.
A Comunidade Autónoma de Galicia ten atribuídas en exclusiva as competencias relativas á pesca en augas interiores, o marisqueo e a acuicultura, de acordo co disposto no artigo 148.1º.11 da Constitución española e 27.15º do Estatuto de autonomía de Galicia. En desenvolvemento destas competencias, foi regulado o permiso de explotación de marisqueo a pé no capítulo III do Decreto 425/1993, do 17 de decembro, polo que se refunde a normativa vixente sobre o permiso de explotación para exercer a actividade pesqueira e marisqueira. O artigo 17 do devandito decreto establece os requisitos para a obtención do permiso, entre eles o previsto na alínea e) relativo á idade das persoas, que é preciso revisar.
A Lei 27/2011, do 1 de agosto, sobre actualización, adecuación e modernización do sistema de Seguridade Social, introduce modificacións no réxime xurídico da pensión de xubilación, previndo os 67 anos como idade de acceso á xubilación, ao tempo que mantén esta en 65 anos para os que teñan cotizado 38 anos e seis meses. A implantación dos novos requisitos de idade realizarase de forma progresiva e gradual, durante un período de quince anos, tempo que tamén se aplica para completar os períodos de cotización que permiten o acceso á pensión a partir dos 65 anos, conforme o previsto na disposición transitoria vixésima do texto refundido da Lei xeral da Seguridade Social, aprobado polo Real decreto lexislativo 1/1994, do 20 de xuño.
A alínea e) do artigo 17 do Decreto 425/1993, do 17 de decembro, establece como requisito para obter o permiso de explotación non ser maior de 65 anos; no entanto, coas modificacións introducidas pola Lei 27/2011, do 1 de agosto, as mariscadoras e mariscadores causarían baixa no censo de profesionais cando aínda non teñan acadado a idade exixida de acceso á xubilación. Por este motivo, mediante a presente modificación a limitación actual de idade adáptase á idade de xubilación establecida pola normativa da Seguridade Social.
Polo exposto, por proposta da Consellería do Medio Rural e do Mar, consultado o sector afectado, de acordo co ditame do Consello Consultivo de Galicia, logo da deliberación do Consello da Xunta de Galicia na súa reunión do día sete de marzo de dous mil trece,
DISPOÑO:
Artigo único. Modificación do Decreto 425/1993, do 17 de decembro, polo que se refunde a normativa vixente sobre o permiso de explotación para exercer a actividade pesqueira e marisqueira
O Decreto 425/1993, do 17 de decembro, polo que se refunde a normativa vixente sobre o permiso de explotación para exercer a actividade pesqueira e marisqueira, modifícase nos termos que se expoñen a continuación:
Un. Modifícase a alínea e) do artigo 17, que queda redactada nos seguintes termos:
«e) Ser maior de 18 anos ou menor emancipado/a e non superar a idade exixida para ter dereito á pensión de xubilación, na súa modalidade contributiva, conforme o previsto na normativa en materia de Seguridade Social».
Dous. Modifícase a disposición transitoria quinta, que queda redactada nos seguintes termos:
«Quinta. Os titulares de carnés de mariscador que, cumprida a idade exixida para ter dereito á pensión de xubilación, na súa modalidade contributiva, non puidesen xubilarse por non alcanzar o período de cotización mínimo exixido, poderán obter, excepcionalmente, e logo da súa xustificación, as revalidacións do permiso de explotación necesarias para poder alcanzar a dita carencia».
Disposición transitoria única. Permisos de explotación para o marisqueo a pé para o ano 2013
Á entrada en vigor deste decreto, os permisos de explotación para marisqueo a pé das persoas que cumpran os 65 anos no ano 2013 seguirán vixentes no prazo dun mes máis para o que foron outorgados.
Disposición derrogatoria única. Derrogación normativa
Quedan derrogadas cantas disposicións de igual ou inferior rango se opoñan ao establecido neste decreto.
Disposición derradeira primeira. Desenvolvemento regulamentario
Facúltase a persoa titular da consellería competente en materia de pesca para ditar as disposicións necesarias para o desenvolvemento deste decreto, no relativo á organización e materias propias do seu departamento.
Disposición derradeira segunda. Entrada en vigor
O presente decreto entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.
Santiago de Compostela, sete de marzo de dous mil trece
Alberto Núñez Feijóo
Presidente
Rosa María Quintana Carballo
Conselleira do Medio Rural e do Mar
http://www.xunta.es/dog/Publicados/2013/20130321/AnuncioG0165-140313-0015_gl.html
0 comentarios