Blogia
AGRUPACIÓN PARQUISTAS DE CARRIL

Francisco Alcalde: «Esta lei quere cambiar un modelo sostible pola peixicultura industrial»

Francisco Alcalde: «Esta lei quere cambiar un modelo sostible pola peixicultura industrial»

O presidente do Consello Regulador do Mexillón de Galicia considera que os cambios que plantexa o texto da Xunta «só traerán fame á Galicia costeira»

O venres, centos de bateeiros encheron o auditorio de Vilagarcía para dar, de novo, un non rotundo ao anteproxecto da Lei de Acuiculturaelaborado pola Consellería do Mar. Os cambios prometidos pola Xunta nese texto non foron suficientes para aplacar a preocupación e o anoxo dos sectores que viven das rías e da súa explotación. Mexilloeiros e confrarías teñen claro que co documento elaborado pola equipa de Rosa Quintana só cabe facer unha cousa: «tiralo abaixo». Francisco Alcalde, o presidente do Consello Regulador do Mexillón de Galicia, é dos que consideran que ese é o único camiño que pode seguir a polémica lei.

-¿Por que tanto medo á letra deste anteproxecto de lei?

-Os sectores do mar son estratéxicos para Galicia. Son fundamentais na creación de riqueza social e emprego no litoral. Ese é o noso modelo, que permite a convivencia de mariscadores, pesca artesanal, cultivo de mexillón... Este é o modelo actual, e o que propón a lei é un modelo de cambio produtivo, un salto a un modelo de cultivo de peixes a escala industrial no que se vai fomentar a entrada de grandes empresas.

-¿Que é o que máis preocupa dese texto?

-Esa lei vai ter consecuencias en terra e no mar. En terra, o plan de ordenación da acuicultura de litoral contempla que os propietarios que se neguen a vender serán expropiados a favor de empresas de acuicultura intensiva, incluso en terreos que estean en espazos naturais protexidos. E os concellos non poderán decidir sobre a implantación desas industrias porque serán consideradas de incidencia supramunicipal. E ademais, esas empresas non terán a necesidade dun informe previo de incidencia medioambiental.

-¿E no mar?

-A lei vai autorizar todo tipo de especies, incluso foráneas e exóticas, que poderán acabar sendo invasoras do noso medio. Todas as concesións administrativas serán concedidas cuns criterios que favorecerán aos máis fortes. Iso quere dicir que se vai privatizar o mar a favor das grandes multinacionais. Ademais, e para a implantación da peixicultura, esta lei impulsa a acuicultura multitrófica integrada, que é unha técnica que consiste nun monocultivo principal de peixes carnívoros, como pode ser o salmón, o ollomol, etcétera, que utiliza especies secundarias, como o mexillón e as algas, para filtrar os restos de contaminación xerados polas gaiolas de peixes e, así, intentar mellorar a súa imaxe pública.

-Di a conselleira que lle parece «unha inocentada» falar neses termos, de privatizacións e de venderlle o mar aos chineses...

-Co máximo respecto, considero que tal afirmación pon de manifesto o nerviosismo da conselleira por explicar un anteproxecto de lei que non convence a ninguén. En todo caso, o anteproxecto recolle o outorgamento de títulos habilitantes ou concesións sen limitacións algunha de nacionalidade, de dentro e de fóra da UE... E ademais, todas as concesións, ao rematar o prazo establecido, ou de non cumprir rendibilidades mínimas, sairán de novo a oferta pública, e serán concedidos con criterios de discrecionalidade que favorecerán aos máis fortes, xa que obrigan a competir á xente do mar con multinacionais en cuestións como solvencia financeira ou técnica e noutros requisitos que se establecerán no regulamento que desenvolve esta lei, polo que poderían presentarse empresas con sede en China, en Noruega ou nun despacho de avogados de Vigo.

-O director xeral de Mar, Juan Maneiro, comentou nalgunha ocasión que a lei é unha ferramenta para abrir portas a novos cultivos e ampliar as posibilidades de traballo nas rías, agora moi centradas nun número reducido de especies.

-Non esperaba outras palabras dun director xeral que foi buscar a Noruega a inversores de multinacionais para que exploten as nosas rías. Por outra parte, e relacionado con iso, o novo Fondo Europeo Marítimo (FEMP) e da Pesca, vai financiar esta implantación da peixicultura industrial mediante a acuicultura multitrófica coa xustificación de que é unha técnica innovadora e sostible, en vez de dedicar eses fondos a paliar a difícil situación dos sectores extractivos do mar de Galicia e a potenciar o seu futuro. -Poñamos que a lei sae adiante. ¿Resulta imposible a convivencia entre o modelo tradicional e ese outro do que nos fala?

-A convivencia é imposible. A implantación do novo modelo vai ter consecuencias directas principalmente na contaminación das nosas rías, porque nelas van acabar os excrementos dos peixes, os restos de pensos, de fármacos, os parasitos, os produtos químicos que lles boten, as vacinas, os antibióticos... Todo iso vai supor a contaminación das nosas augas e a propagación de enfermidades entre os peixes e os mariscos das nosas rías. Poñamos un caso: os mexillóns que se utilicen como filtradores de todos eses restos, ¿que destino van ter? ¿Non terán pensado mandalos ao mercado? ¿Vanse mandar para terra para facer penso? Se é así, estariamos entrando nun círculo moi semellante ao que vivimos co tema das vacas locas. Outra cuestión é que os atributos dos produtos do mar de Galicia son ser sans e naturais. ¿Pensou alguén en que vai pasar con esa calidade se cambiamos de escenario e lle abrimos a porta a peixicultura industrial? De saír adiante esta lei, o único que vai traer é fame e pobreza para as zonas costeiras de Galicia.

-¿Por que lle costa tanto traballo ao sector confiar na Xunta?

-É sinxelo. Porque nunca os sectores do mar estiveron tan desprotexidos e abandonados. Aí temos o caso do xeito, do marisqueo, as fraudes na etiquetaxe... E porque desta lei preocupa máis o que non se sabe que o que se sabe. Pode haber moi boas palabras, promesas, pero o perigo é que logo a finalidade da lei vaise desenvolver en regulamentos que terán igual obxectivo: implantar a peixicultura. E porque ademais dálle carácter de obrigado cumprimento a Galicia 2010 de López Veiga, que nunca gozou de reputación de defensor dos sectores produtivos das rías. Non queda outra opción que botar abaixo esta lei.

«Espero que o presidente Feijoo escoite ao pobo e retire a lei o máis axiña posible»

Algúns dos bateeiros que o venres acudiron á asemblea convocada pola Comisión do Mexillón sinalaron en voz alta que nunca os sectores do mar reclamaran da Xunta unha lei destas características. Dispostos a forzar a retirada deste texto, dicían no encontro de Vilagarcía, haberá que ver se é preciso sequera ter unha Lei de Acuicultura en Galicia.

-Se non é unha lei de acuicultura, ¿que é o que precisan os sectores do mar?

-O que necesitan os sectores do mar son tres cousas fundamentais. A primeira, que se garanta dunha vez a calidade das augas das nosas rías, que tiñan que ter un estatus de protección de interese xeral. A segunda, a potenciación dos sectores e dos recursos, que teñen que ser fortalecidos e estruturados. E en terceiro lugar, conseguir unha valorización dos nosos produtos no mercado, con marcas de calidade que protexan aos produtores e aos consumidores. Desa forma conseguiríase que o valor engadido quede en Galicia.

-Afírmase dende os colectivos do mar que esta lei non é un problema sectorial, senón un problema social que salpicará a economía costeira e, tamén, aos consumidores.

-E que o é. O noso modelo actual, compatible co medio ambiente, é progreso. E o que nos propón esta lei é outro progreso, no que a actividade vai ter un impacto ambiental, na que as multinacionais xerarán uns poucos postos de traballo e na que acometerán a sobre explotación dos recursos.

-O certo é que a lei xerou unha enorme marea opositora. Dende a Comisión do Mexillón apelábase directamente ao presidente da Xunta e falábase de posibles mobilizacións. ¿Que pensa sobre iso?

-Estamos levando a cabo distintas accións. En primeiro lugar, estase informando a toda a xente do mar, e á sociedade en xeral, das consecuencias desta lei. Iso vai acompañado por unhas mocións que se están presentando en todos os concellos costeiros e que está conseguindo o apoio de todos os grupos políticos, incluído o PP. E estanse recollendo milleiros de firmas contra a lei por distintas vías e manifestos. Espero que todo iso sirva de algo. Espero, de verdade, que o presidente Feijoo escoite ao pobo, que se pregunte por que o cento por cento da xente do mar está en contra desta lei, e ata a maioría dos alcaldes do PP apoian a nosa postura e as nosas reivindicacións. Agardamos que retire a lei o máis axiña posible.

-Estamos hablando de otra reforma de las pensiones.

-Sí, ajustes técnicos que no significan recortar pensiones actuales podrían ser suficientes para reconducir el sistema, pero eso en definitiva, y todo el mundo lo sabe aunque los políticos no quieran hablar de ello, supondrá retrasar más la edad de jubilación, ampliar los períodos de cómputo y ese tipo de elementos que suponen una devaluación de las pensiones futuras.

Fuente:La Voz de Galicia


0 comentarios