Colectivos do mar opóñense a que o Goberno priorice as prospeccións petrolíferas fronte á actividade mariñeira
Diferentes colectivos relacionados co mar na provincia de Pontevedra presentaron durante a mañá deste xoves 15 alegacións ao borrador do Real Decreto do Marco para a Ordenación do Espazo Marítimo que expuxo publicamente o ministerio de Agricultura durante o período vacacional, entre o 2 de agosto e o 15 de setembro.
Xaquín Rubido, representante desta plataforma de profesionais do mar, mostraba o seu malestar polas formas e o fondo da presentación deste Real Decreto. Sinalaba que este documento foi presentado por un goberno en funcións nun período vacacional, cando o sector atopábase nun período inhábil.
Esta plataforma está integrada por confrarías de pescadores, mariscadoras, parquistas de Carril, produtores de mexillón e asociacións ambientais como a APDR. Entre as alegacións mostran a súa desconformidade porque o ministerio de Agricultura pretende levar a cabo unha política centralizadora e establecer unha ordenación na que sexan de interese xeral os recursos enerxéticos, mineiros, prospeccións petrolíferas ou de gas fronte ás actividades marítimas.
O sector reclama un cambio de postura ao entender que a prioridade debe situarse na actividade mariñeira fronte ás grandes empresas que levan a cabo estas explotacións dos recursos dos espazos marítimos. O borrador recolle tamén que a acuicultura será competencia do Estado e non da Comunidade autonóma, un aspecto que entenden que vulnera as competencias da Xunta de Galicia e temen a instalación de piscifactorías.
Xaquín Rubido manifestaba ante a Subdelegación do Goberno que o sector non vai permitir que se ataquen os intereses de Galicia e están dispostos a iniciar protestas na rúa así como a denunciar xudicialmente esta normativa se chega a entrar en vigor.
Fuente:Pontevedraviva.com
0 comentarios