«Non quero imaxinar a lonxa de Carril sen os parquistas da nosa agrupación»
Non esconde o seu compromiso co sector ao que pertence, pero asegura que foi «o patrón de todos»
O sábado celébranse eleccións na confraría de Carril. Villanueva aspira a volver coller o timón. Pero estes días chóvenlle as críticas dos seus rivais.
-Din os seus opoñentes que a agrupación de parquistas levou máis de 745.000 euros da confraría en dez anos...
-A agrupación non se leva nada de ningures; a agrupación, en virtude dun convenio de colaboración, percibe un 2 % das ventas que os parquistas realizan na lonxa. Como contraprestación, contribúe a centralizar as vendas na de Carril. Ese 2 %, ademais, revirte nos parquistas en xeral, porque asuntos como a revisión dos parques e outros de interese xeral fanse a través de peritos ou de avogados pagados pola agrupación. Hai que ter en conta que algúns dos grandes problemas que arrastra a revisión dos parques xurdiron dos parquistas que, no inicio do proceso, fixeron as alegacións a través da confraría, que nunca lle dou un servizo axeitado a este sector...
-Vostede nunca ocultou, e é algo que se lle bota en cara, que os parquistas son para vostede un sector prioritario...
-Se falamos de proporcionalidade... Eu son parquista e pertenzo ao sector maioritario en canto a número de socios e a economía. Iso non quere dicir que me esquecese de que a confraría está integrada por outros sectores que, por ser minoritarios, non son menos importantes. Eu considero que fun patrón maior de todos. Poño o exemplo dos baleiros, que cando me precisaron me tiveron do seu lado. Pero se houbo un sector mimado, co que me volquei absolutamente, foi o marisqueo a pé.
-¿Que cousas lle quedaron pendentes?
-Cando collemos a confraría estaba en caída vertical. Houbo que tomar medidas que foron impopulares, como subir do 7 ao 9 % a aportación en lonxa. Cando collín o cargo, a confraría tiña un marxe de manobra de 100.000 euros. Agora é de 580.000. Queremos consolidar ese colchón de seguridade. Tamén queremos implantar un novo sistema de vixilancia, moito máis eficaz e barato. E cambiar os estatutos da confraría para facela máis gobernable... Temos moitos proxectos, algúns en marcha, pero tivemos que botarlles o freo coa retención do 2 %. Se isto segue así, teremos que buscar outra forma de financiamento. Se facemos isto, se nos vamos de Carril a vender a outro sitio... Non quero imaxinar, ninguén que teña sentido común quere, a lonxa de Carril, sen os parquistas da agrupación.
-¿Nestes momentos, cales serían os grandes retos que ten que afrontar a confraría carrilexa?
-Hai un asunto vital para Carril que é a Lei de Acuicultura. Unha lei ten que habela, pero ten que ser consensuada con todos os sectores implicados. E os representantes deses sectores teñen que estar á altura do que vai pasar aí. Os parquistas temos que estar neste debate. Temos que defendernos e está en xogo quen vai ser o gladiador ao que lle toque baixar á area. Por iso a agrupación de parquistas non vai desaparecer nunca. Nós somos o escudo, a coraza que defende a máis de 600 familias.
«O noso é un equipo de xente responsable, formada e con sentido do deber»
Toca falar dos dous sectores que se enfrontan nestas eleccións.
-María Jesús González define a lista da que forma parte como un grupo de xente que quere a convivencia de todos os sectores...
-Non o creo. Se quixera iso non se extralimitaría nas súas funcións conxelando o 2 % da agrupación, e sobre todo, non intentaría quitarlle zonas ao marisqueo a flote.
-En todo caso, ¿como define o seu grupo de traballo?
-O noso é un equipo responsable, de xente formada e con sentido do deber. Se se gaña, todos os órganos de goberno quedarán renovados. E se non, non pasa nada. Os socios teñen dereito a votar o que queiran, e os parquistas a actuar en consecuencia.
-¿Que cambiaría con respecto ao seu anterior mandato?
-Hai unha parte humana que non se pode cambiar, porque cada un é como é. Se gañamos as eleccións, non imos andar con moitas contemplacións coa xente que tomou a decisión de derrubar o goberno da confraría no seu propio beneficio. Aí está Rosario Maneiro, cos seus intereses particulares. Ou Francisco Bugallo e José Manuel Longa, que foron expulsados da agrupación de parquistas porque querían o que non se lles podía dar.
Fuente: La Voz de Galicia
0 comentarios