Os parquistas esixen á Xunta que se axilicen as xestións para a reordenación dos viveiros
A Agrupación de Parquistas de Carril que preside José Luis Villanueva acaba de remitir un escrito ao director xeral de Recursos Mariños para esixir que se axilicen as xestións en torno á reordenación dos viveiros. O colectivo mantén esta situación de “incertidume” dende principios dos 90.
José Luis Villanueva incide en que, a día de hoxe, moitos propietarios viven nunha situación “irregular” ao non estar concretada de xeito oficial, e sobre o papel, a redistribución dos viveiros. O presidente coincide en que esta realidade non se pode alongar “outros 17 anos máis” porque repercute directamente en que “algúns non poidan incluso optar a axudas convocadas pola Unión Europea”.
Porén, dende a Agrupación obrígase a que se convoque de inmediato a Comisión de Pesca e alertan de que “temos rumores de que se están facendo cousas que non van ser positivas para nós”.
Dende o colectivo ratifican que “vivimos nunha incertidume total e iso non pode ser” e aclaran que “nós somos os grandes perxudicados e a realidade é que todo isto está amparado pola Xunta, aínda que non veña de agora”.
A preocupación dos parquistas de Carril tamén se centra na redacción do Anteproxecto da Lei de Pesca que tamén lles afecta directamente. Dende a Agrupación lamentan que non se tiveran en conta as alegacións presentadas no seu momento e por iso solicitaron o apoio dos distintos partidos políticos, especialmente de Vilagarcía, para presionar á Administración autonómica neste sentido.
José Luis Villanueva lamenta as dúas situacións anteriores e sinala que “seguiremos loitando polo que nos corresponde”. Polo de pronto terán que esperar a unha resposta do director xeral de Recursos Mariños ou, incluso, a unha resolución definitoria por parte da Consellería de Pesca, aínda que esta podería ser máis tardía.
1 comentario
juan carlos -