Mar modifica a norma de descarga e transporte de mexillón e finiquita o control único
A Consellería do Mar afirma que “reforzou o control sobre a trazabilidade dos moluscos mediante a modificación da Orde do 8 de febreiro de 2008 que regula esta actividade, aumentando por tanto as garantías destes produtos”.
Así o afirmou o director xeral de Competitividade e Innovación Tecnolóxica, Juan Maneiro, no transcurso dunha resposta a unha pregunta oral no seo da Comisión oitava de pesca e marisqueo, e lembrou que as modificacións introducidas “servirán para aumentar a eficacia dos controis sobre os documentos que son emitidos en papel, unha posibilidade que xa se contemplaba na norma orixinal” elaborada polo goberno anterior, “pero na que se detectaron posibles irregularidades”.
Na súa intervención o director xeral sinalou que á súa chegada ao goberno atopouse coa laxitude da normativa e cunha situación de “monopolio, de control único” por parte do Consello Regulador do Mexillón de Galicia, motivos que impulsaron, indicou, “á modificación do regulamento”.
Juan Maneiro informou na comisión parlamentaria que a día de hoxe “a situación é bastante diferente” xa que se rompeu esa situación “de monopolio que impuxo a anterior goberno” de xeito que as organizacións distintas do Consello Regulador poden agora, indicou, emitir os documentos.
Ademais explicou que salvo Agame (unha das federacións de bateeiros galegas), que emprega talonarios en papel de xeito excepcional, “o resto das asociacións do sector están a empregar o sistema telématico de emisión de documentos de rexistro”.
Segundo explicou o director xeral, os aspectos que se modificaron na normativa son especialmente tres.
Sempre segundo Maneiro, estes cambios son, por unha banda, a reducción a tres horas do prazo para ás entidades que expidan documentos de rexistro de modo manual, cando na anterior orde tiñan 48 horas.
Outro dos aspectos refírese á obrigatoriedade de que os organismos emisores dos documentos de rexistro manteñan a numeración dos mesmos correlativa, establecendo uns requirimentos maiores en canto á comunicación á administración dos documentos anulados e, por tanto, implantando uns niveis de control por parte da administración “máis rigorosos”. Por último, na nova normativa engádese que os centros de expedición, depuradoras e industrias transformadoras receptoras de lotes de produtos acompañados de documentos de rexistro para o transporte de moluscos bivalvos deben rexistrar a súa entrada.
Con esta inciativa, dí a Xunta, intensifícase o control sobre a trazabilidade das partidas de moluscos, especialmente o mexillón, que se extraen das nosas augas e se colocan nos circuítos de comercialización ou transformación.
Cómpre lembrar que en febreiro, o PSOE acusou á Consellería de Mar de “modificar á medida” a normativa de descarga e transporte de mexillón en beneficio dun colectivo de productores. Os socialistas afirmaban que estas variacións “á carta” desa lexislación ían xerar graves problemas no seo do sector mexilloeiro.
A voceira do PSOE Marisol Soneira subliñaba naquel entón que “se é grave que a administración autonómica lexisle a medida de intereses moi concretos e en contra do ben xeral, non deixa de sorprender que a Xunta de Galicia, nas páxinas do DOG, amose a súa desconfianza nos medios telemáticos como instrumento ao servizo da administración”.
0 comentarios