Consello da Xunta aproba o Proxecto de Lei de Pesca
Consello da Xunta aproba o Proxecto de Lei de Pesca, unha norma áxil e moderna que permitirá ao sector afrontar o futuro con garantías dende a explotación sustentable dos recursos
▪ A nova norma en materia marítimo-pesqueira derrogará as cinco leis que na actualidade rexen a actividade pesqueira na nosa comunidade autónoma
▪ O texto normativo faise eco do novo escenario internacional, europeo e estatal, así como da realidade galega que mudou considerablemente dende hai 15 anos
▪ A lei promove a implantación dunha cultura do seguro no sector, como un instrumento que incida directamente na seguranza marítima, na conta de resultados das empresas e nunha cobertura das posibles situacións imprevistas
▪ Para o marisqueo a pé prevese a posibilidade de que as organizacións sectoriais accedan a concesións administrativas na zona marítimo-terrestre, algo que ata o de agora só estaba reservado aos cultivos
▪ O novo texto recolle a figura das áreas mariñas protexidas, áreas de acondicionamento mariño, áreas de repoboación e as reservas mariñas, nas que a participación do sector é fundamental e básica para poñelas en marcha
▪ O proxecto incorpora o establecemento de censos por modalidades, pesquerías e caladoiros
▪ Recolle por vez primeira, dentro da regulación da pesca marítima, a figura da licenza de pesca profesional, desaparecendo así o permiso de explotación
▪ En canto ao marisqueo, créase unha licenza para esta actividade, en lugar do permiso de explotación, distinguíndose entre marisqueo a pé dende a embarcación, e cun prazo de vixencia de cinco anos
Santiago de Compostela, 10 de xullo de 2008.- O Consello da Xunta de Galicia deu hoxe o seu visto e prace ao Proxecto de Lei de Pesca de Galicia, que derrogará a norma vixente de 1993. A nova lexislación regulará, nun único texto, todas as materias marítimo-pesqueiras que son competencia da Comunidade Autónoma. Deste xeito, o sector pesqueiro poderá dispoñer dun único texto con rango de lei que será un instrumento áxil, dinámico e de fácil manexo e comprensión, que sentará as bases para que a actividade pesqueira siga sendo unha das máis importantes, durareiras e viables da nosa economía. Así mesmo, servirá para que a pesca en Galicia se poida xestionar tendo en conta as persoas, a economía e o respecto polo medio ambiente e polos recursos.
A nova lei regula a conservación e xestión dos recursos pesqueiros e marisqueiros; a pesca marítima profesional e a de lecer; o marisqueo; a acuicultura mariña; a frota pesqueira galega; os axentes do sector pesqueiro galego; a comercialización, transformación e promoción dos produtos da pesca, o marisqueo e a acuicultura; o desenvolvemento sustentable das zonas de pesca; a investigación, o desenvolvemento tecnolóxico e a innovación; a formación marítimo-pesqueira; a inspección e o control; os rexistros e o réxime sancionador.
A nova lexislación naceu do compromiso adquirido polo novo Goberno galego de deseñar un texto normativo de ordenación do sector pesqueiro que eliminase trabas burocráticas e que fose o suficientemente xenérico e amplo. Ademais, o texto tivo en conta ao sector a través dunha consulta aberta que se iniciou en xaneiro de 2007 coa creación dun Buzón de Suxerencias na web oficial do departamento de Pesca. Así, no actual proxecto recolléronse algunhas das achegas realizadas polos profesionais do mar, ben por acción (incorporando as suxestións que fixeron) ou por omisión (eliminando cuestións da normativa vixente coas que non estaban de acordo porque lles dificultaba o seu traballo).
Simplificación normativa
O Proxecto de Lei de Pesca de Galicia regula a lexislación básica da comunidade autónoma en materia de pesca e, polo tanto, derrogará as cinco leis que, na actualidade, rexen a actividade pesqueira: Lei de pesca de Galicia (1993), Lei de confrarías de pescadores, Lei pola que se crea o Servizo de Gardacostas, Lei de creación do Instituto Tecnolóxico para o Control do Medio Mariño de Galicia e a Lei de protección, control, infraccións e sancións en materia marítimo-pesqueira.
Así mesmo, recolle o escenario internacional, europeo e estatal actual, así como a nova realidade galega que mudou considerablemente dende hai 15 anos, cando se aprobou a norma vixente do ano 93. A proposta legal tamén incorpora referencias á normativa básica estatal como a Lei 3/2001, de 26 de marzo, de Pesca Marítima do Estado, e toma preceptos da Política Común Europea de Pesca, que fixou un novo marco de xestión e explotación sustentable dos recursos pesqueiros. Tamén recolle unha parte importante dos principios inspiradores do Código de Conducta de Pesca Responsable da FAO que, aínda sendo voluntario, a súa aceptación é froito do consenso dos países que integran este organismo internacional.
O Proxecto de Lei de Pesca de Galicia estrutúrase en 14 títulos, dez disposicións adicionais, sete disposicións transitorias, unha disposición derrogatoria e catro disposicións derradeiras.
Novidades da nova Lei de Pesca
Entre as novidades que incorpora o Proxecto destacan a proposta dunha cultura do seguro no sector, algo que xa vén sendo desenvolvido a través de distintas accións polo departamento que dirixe Carmen Gallego. Esta nova concepción do seguro servirá como un instrumento que incida directamente na seguranza marítima, na conta de resultados das empresas e nunha cobertura das posibles situacións imprevistas que poidan acontecer.
Ademais, tamén é de destacar que para o marisqueo a pé se prevé a posibilidade de que as organizacións sectoriais accedan a concesións administrativas na zona marítimo-terrestre, algo que ata o de agora só estaba reservado aos cultivos. Así mesmo, o novo texto contempla a figura das áreas mariñas protexidas, áreas de acondicionamento mariño, áreas de repoboación e as reservas mariñas, nas que a participación dos sector é fundamental e básica para poñelas en marcha.
Implantación das licenzas profesionais
Continuando coas novidades, o Proxecto incorpora tamén o establecemento de censos por modalidades, pesquerías, e caladoiros; e recolle por vez primeira, dentro da regulación da pesca marítima, a figura da licenza de pesca profesional, desaparecendo así da nosa lexislación o permiso de explotación. Esta licenza terá unha duración indefinida, e estará ineludiblemente ligada á embarcación e á asignación de posibilidades de pesca a través da identificación da modalidade autorizada. Tamén se inclúe no novo texto a figura do permiso de pesca especial que terá un carácter temporal.
En canto ao marisqueo, créase unha licenza para esta actividade, en lugar tamén do permiso de explotación, distinguíndose entre marisqueo a pé e dende embarcación, e cun prazo de vixencia de cinco anos. Deste xeito, os mariscadores e mariscadoras non terán que renovar o seu permex anualmente, como están a facer na actualidade. Esta modificación redundará nunha mellor planificación das actividades e das estruturas produtivas vinculadas ao marisqueo, ao conferir unha maior proxección temporal no exercicio da actividade.
Por outra banda, a proposta aprobada no Consello da Xunta establece tamén solucións para que determinados segmentos da actividade marisqueira deixen de ter as limitacións de potencia dos motores que tiñan ata a data, respectando sempre a normativa europea.
Órganos de participación do sector
No tocante ás organizacións do sector, a Lei regula a participación das confrarías, das organizacións de produtores, as cooperativas do sector do mar, as organizacións sindicais e outras entidades asociativas. Neste punto, introduce políticas de igualdade entre homes e mulleres que se dedican á actividade regulada neste texto legal. Trátase de medidas que teñen unha plasmación directa e concreta no establecemento de criterios de igualdade na configuración dos órganos de dirección das confrarías de pescadores. Así mesmo, o Proxecto de Lei regulará, por primeira vez nun texto con rango de lei, o funcionamento do Consello Galego de Pesca.
O texto normativo promove, así mesmo, novas fórmulas de xestión das zonas costeiras galegas coa creación da Axencia de Desenvolvemento Sustentable das Zonas de Pesca e o Turismo Mariñeiro. Deste xeito, séguese a filosofía do eixo prioritario nº 4 do Fondo Europeo da Pesca (2007-2013).
A Axencia Galega de Desenvolvemento Sustentable das Zonas de Pesca será o instrumento básico de actuación da Xunta de Galicia no fomento e coordinación do desenvolvemento das zonas costeiras galegas, para mellorar as condicións de vida dos profesionais do mar e das poboacións costeiras. Entre os seus obxectivos figuran a elaboración de estratexias e plans integrados de coordinación de actuacións nas zonas costeiras; a difusión das políticas e medidas de desenvolvemento costeiro; a dinamización e coordinación dos grupos de acción costeira vinculados á política de desenvolvemento da pesca, o marisqueo e a acuicultura; ou o impulso da formulación por parte destes grupos de iniciativas e programas de desenvolvemento e diversificación das actividades propias do sector.
En canto ao turismo mariñeiro, estipúlase que terán a consideración de actividades deste tipo, entre outras, as de pesca turismo –desenvolvidas a bordo de embarcacións pesqueiras dirixidas ao coñecemento, valorización e difusión do traballo dos profesionais do mar-; as rutas guiadas; as casas de turismo mariñeiro; ou as de promoción e posta en valor da gastronomía mariñeira.
É de destacar tamén que a Consellería de Pesca e Asuntos Marítimos plasmou no Proxecto, no tocante á protección dos recursos, mecanismos máis áxiles e eficaces para a loita contra a pesca ilegal, establecendo os medios humanos e materiais necesarios, tanto para a inspección como para a vixilancia. Deste xeito, o novo texto, cambiará a denominación do Servizo de Gardacostas, polo de Servizo de Inspección e Vixilancia Pesqueira, que terá entre as súas funcións e labores os de inspección, vixilancia, loita contra a contaminación e salvamento. Por último, tamén é de sinalar que o texto recolle a extinción do Intecmar como ente de dereito público, pasando a formar parte novamente da estrutura orgánica do departamento do Goberno galego.
Concesións das bateas
En relación ás concesións das bateas, o artigo 62 do proxecto, pertencente ao título V que regula a acuicultura mariña, establece que as concesións de actividade na zona marítima outorgaranse por un período máximo de dez anos. Estas poderanse prorrogar por períodos iguais, ata un máximo de trinta anos, unha vez que o solicite a persoa concesionaria.
En canto aos criterios de outorgamento das concesións, o texto aprobado hoxe no Consello da Xunta establece que se concederán previo procedemento de concurso público que estará presidido polos principios de obxectividade, equidade, publicidade, concorrencia e transparencia. Por último, o baremo que rexerá o concurso público ao que saian as concesións no suposto de extinción “valorará preferentemente” ter sido titular dunha autorización para o exercicio de acuicultura mariña en zona marítima no mesmo subsector de actividade; ter exercido habitualmente a explotación dunha concesión deste tipo; a experiencia no desenvolvemento desta actividade por parte dos particulares e empresas solicitantes; así como a adecuación a criterios técnicos, sanitarios e ambientais que se determinen.
O seguinte artigo, que aborda a transmisión das concesións, contempla a posibilidade da transmisión “mortis causa” destas e, nos supostos de cesión por actos “inter-vivos”, deberá favorecerse a integración económica e social do sector.
Este título conta co respaldo da comisión representativa do sector mexilloeiro, coa que a Consellería de Pesca e Asuntos Marítimo se reuniu en diversas ocasións para acadar un texto consensuado.
Sancións
O novo texto tamén establece o réxime sancionador, que divide as infraccións en leve, graves e moi graves, prevendo a imposición de multas que van dende os 60 aos 300.000 euros ou a inhabilitación para o exercicio da actividade.
Procedemento para a aprobación definitiva da nova Lei de Pesca
A nova norma, elaborada pola Consellería de Pesca e Asuntos Marítimos, chegou ao Consello da Xunta despois do debate coas entidades e organizacións do sector pesqueiro, tras ser analizado polo Pleno do Consello Galego de Pesca, e logo da súa publicación na web oficial do departamento autonómico para atender ás achegas e alegacións. Ademais, o proxecto foi remitido a diferentes consellerías e tamén ás direccións xerais da Función Pública e de Orzamentos, así como á Asesoría Xurídica Xeral, entre outras administracións. Finalmente, solicitouse o ditame ao Servizo Galego de Promoción e Igualdade do Home e da Muller e ao Consello Económico e Social de Galicia.
Tras a súa aprobación por parte do Goberno galego, o Proxecto de Lei pasará a ser debatido no Parlamento para a súa aprobación por parte dos deputados da Cámara. Unha vez teña o visto e prace do hemiciclo, a Lei de Pesca de Galicia sairá publicada no Diario Oficial de Galicia (DOG) e entrará en vigor no prazo de seis meses, contados a partires da súa publicación no boletín autonómico. En todo caso, isto non se aplicará no caso da Axencia de Desenvolvemento Sustentable das Zonas de Pesca que prevé a norma, que entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no DOG.
Fuente: http://www.xunta.es
0 comentarios