Blogia
AGRUPACIÓN PARQUISTAS DE CARRIL

O novo proxecto de Lei de Pesca de Galicia

O novo proxecto de Lei de Pesca de Galicia

O máximo mandatario galego, Emilio Pérez Touriño, anunciou que o Consello da Xunta deu o visto e prace ao Proxecto de Lei de Pesca de Galicia, que derroga un amplo elenco normativo anterior que regulaba ata o de agora a actividade pesqueira na comunidade. O presidente do Goberno Galego indicou que se trata dunha “lei que simplifica e que recolle 15 anos de evolución acelerada no escenario internacional no mundo da pesca”.

Na rolda de prensa posterior ao Consello da Xunta, Emilio Pérez Touriño sinalou que o texto responde aos principios inspiradores do Código de Conduta de Pesca Responsable da FAO, unha incorporación, que sendo voluntaria, a Xunta quixo aceptar, segundo remarcou o titular do Executivo galego. Touriño apreciou que a nova norma ten “vocación pola pesca sustentable e responsable, protexendo a pesca artesanal e que aposta pola pesca marítima profesionalizada, responsable, ademáis dun decidido apoio ao sector, á comercialización, transformación e promoción dos produtos da pesca, do marisqueo e da acuicultura,”. Así definía o espíritu da Lei de Pesca de Galicia, que lle dará rango legal ao Consello da Pesca e que conta con todos os trámites e informes favorables para a súa aprobación.

Cultura do seguro
O Proxecto de Lei incorpora novidades como a introdución da cultura do seguro, algo que xa vén sendo desenvolvido a través de distintas accións pola Consellería de Pesca ao longo desta lexislatura e que servirá para “axudar a darlle estabilidade ao sector diante das dificultades, das discontinuidades propias da actividade pesqueira”. Segundo explicou, esta nova concepción incide directamente na seguranza marítima, na conta de resultados das empresas e nunha cobertura dun amplo abano de situacións imprevistas que poidan acontecer ao longo da vida das empresas e da actividade profesional.

Así mesmo, o texto recoñece as áreas mariñas protexidas, as áreas de acondicionamento maríño, as áreas de repoboación, e as reservas mariñas, nas que a participación do sector é fundamental para poñelas en marcha. Touriño asegurou que o texto mirará pola “protección dos ecosistemas e dos nosos recursos naturais, regulando a participación do sector dentro destas áreas”.

Implantación das licenzas profesionais
A norma incorpora o establecemento de censos por modalidades, pesquerías e caladoiros, e recolle por primeira vez, dentro da regulación da pesca marítima a figura da licenza de pesca profesional, desaparecendo así da nosa lexislación o permiso de explotación. Esta licenza terá duración indefinida e estará ligada á embarcación e á asignación de posibilidades de pesca a través da identificación da modalidade autorizada. En canto ao marisqueo, tamén se crea unha licenza para esta actividade, en lugar do permiso de explotación, que terá un prazo de vixencia de cinco anos. O titular do Goberno galego subliñou que esta figura debe redundar na “profesionalización do sector, da calidade e da sustentabilidade e da planificación”. Ao mesmo tempo, a nova lexislación promove o “agrupamento e a cooperación entre os profesionais do sector”, apuntou.

Concesións marítimas
No título V da lei, que regula a acuicultura mariña, establécese que as concesións da actividade na zona marítima outorgaranse por un período máximo de 10 anos. Estas poderanse prorrogar por períodos iguais, ata un máximo de 30 anos, unha vez que o solicite a persoa concesionaria. As concesións realizaranse por concurso público, co que se garantirán procesos “rexidos pola obxectividade, equidade, publicidade, concorrencia e transparencia”, como sinalou o presidente da Xunta, ao tempo que indicou que por esta fórmula se permitirá “unha continuidade razoable” na actividade ao valorarse a experiencia no sector.

Outra das novidades é o nacemento do novo Servizo de Inspección e Vixilancia Pesqueira, ao que lle son atribuídas funcións de loita contra a contaminación e protección dos recursos mariños e do litoral. Este corpo substituirá o actual Servizo de Gardacostas.

Fuente: http://novas.xunta.es/node/10513

0 comentarios