Blogia
AGRUPACIÓN PARQUISTAS DE CARRIL

A Xunta aproba o Proxecto de Lei de Pesca

A Xunta aproba o Proxecto de Lei de Pesca

O Proxecto de Lei de Pesca foi aprobado onte polo Consello da Xunta e agora será remitido ao Parlamento de Galicia para o seu posterior debate polos grupos da cámara autonómica para a súa aprobación definitiva e entrada en vigor. O documento elaborado pola Departamento autonómico que dirixe Carmen Gallego resposta ao compromiso asumido pola conselleira de dotar ao sector dunha lexislación que respostara ás súas necesidades e que puxera fin ás eivas detectadas á normativa que estaba en vigor desde o ano 1993. A gran maioría dos artigos deste texto legal foron discutidos e consensuados co representantes do sector.

O Consello da Xunta de Galicia deu onte o seu visto e prace ao Proxecto de Lei de Pesca de Galicia, que derrogará a norma vixente de 1993. A nova lexislación regulará, nun único texto, todas as materias marítimo-pesqueiras que son competencia da Comunidade Autónoma. Deste xeito, o sector pesqueiro poderá dispoñer dunha única normativa, con rango de lei, que será un instrumento áxil, dinámico e de fácil manexo e comprensión, que sentará as bases para que a actividade pesqueira siga sendo unha das máis importantes, durareiras e viables da economía de Galicia. Así mesmo, servirá para que a pesca nesta Comunidade Autónoma se poida xestionar tendo en conta as persoas, a economía e o respecto polo medio ambiente e polos recursos, segundo figura nos fundamentos deste Proxecto de Lei.

Sectores afectados > A nova lei regula a conservación e xestión dos recursos pesqueiros e marisqueiros; a pesca marítima profesional e a de lecer; o marisqueo; a acuicultura mariña; a frota pesqueira galega; os axentes do sector pesqueiro galego; a comercialización, transformación e promoción dos produtos da pesca, o marisqueo e a acuicultura; o desenvolvemento sustentable das zonas de pesca; a investigación, o desenvolvemento tecnolóxico e a innovación; a formación marítimo-pesqueira; a inspección e o control; os rexistros e o réxime sancionador.

A nova lexislación naceu do compromiso adquirido polo novo Goberno galego de deseñar un texto normativo de ordenación do sector pesqueiro que eliminase trabas burocráticas e que fose o suficientemente xenérico e amplo. Ademais, aclara a Consellería, o texto tivo en conta ao sector a través dunha consulta aberta que se iniciou en xaneiro de 2007 coa creación dun Buzón de Suxerencias na web oficial do departamento de Pesca. Así, no actual proxecto recolléronse algunhas das achegas realizadas polos profesionais do mar, ben por acción (incorporando as suxestións que fixeron) ou por omisión (eliminando cuestións da normativa vixente coas que non estaban de acordo porque lles dificultaba o seu traballo).

Simplificación normativa > O Proxecto de Lei de Pesca de Galicia regula a lexislación básica da comunidade autónoma en materia de pesca e, polo tanto, derrogará as cinco leis que, na actualidade, rexen a actividade pesqueira: Lei de pesca de Galicia (1993), Lei de confrarías de pescadores, Lei pola que se crea o Servizo de Gardacostas, Lei de creación do Instituto Tecnolóxico para o Control do Medio Mariño de Galicia e a Lei de protección, control, infraccións e sancións en materia marítimo-pesqueira.

Así mesmo, recolle o escenario internacional, europeo e estatal actual, así como a nova realidade galega que mudou considerablemente dende hai 15 anos, cando se aprobou a norma vixente do ano 93. A proposta legal tamén incorpora referencias á normativa básica estatal como a Lei 3/2001, de 26 de marzo, de Pesca Marítima do Estado, e toma preceptos da Política Común Europea de Pesca, que fixou un novo marco de xestión e explotación sustentable dos recursos pesqueiros. Tamén recolle unha parte importante dos principios inspiradores do Código de Conducta de Pesca Responsable da FAO que, aínda sendo voluntario, a súa aceptación é froito do consenso dos países que integran este organismo internacional.

O Proxecto de Lei de Pesca de Galicia estrutúrase en 14 títulos, dez disposicións adicionais, sete disposicións transitorias, unha disposición derrogatoria e catro disposicións derradeiras.

Novidades da Lei > Entre as novidades que incorpora o Proxecto destacan a proposta dunha cultura do seguro no sector, algo que xa vén sendo desenvolvido a través de distintas accións polo departamento que dirixe Carmen Gallego. Esta nova concepción do seguro servirá como un instrumento que incida directamente na seguranza marítima, na conta de resultados das empresas e nunha cobertura das posibles situacións imprevistas que poidan acontecer.

Ademais, tamén é de destacar que para o marisqueo a pé se prevé a posibilidade de que as organizacións sectoriais accedan a concesións administrativas na zona marítimo-terrestre, algo que ata o de agora só estaba reservado aos cultivos.

Zonas de protección > Así mesmo, o novo texto contempla a figura das áreas mariñas protexidas, áreas de acondicionamento mariño, áreas de repoboación e as reservas mariñas, nasque a participación dos sector é fundamental e básica para poñelas en marcha.

Novas licenzas > Continuando coas novidades, o Proxecto incorpora tamén o establecemento de censos por modalidades, pesquerías, e caladoiros; e recolle por vez primeira, dentro da regulación da pesca marítima, a figura da licenza de pesca profesional, desaparecendo así da nosa lexislación o permiso de explotación. Esta licenza terá unha duración indefinida, e estará ineludiblemente ligada á embarcación e á asignación de posibilidades de pesca a través da identificación da modalidade autorizada. Tamén se inclúe no novo texto a figura do permiso de pesca especial que terá un carácter temporal.

En canto ao marisqueo, créase unha licenza para esta actividade, en lugar tamén do permiso de explotación, distinguíndose entre marisqueo a pé e dende embarcación, e cun prazo de vixencia de cinco anos. Deste xeito, os mariscadores e mariscadoras non terán que renovar o seu Permex anualmente, como están a facer na actualidade. Esta modificación redundará nunha mellor planificación das actividades e das estruturas produtivas vinculadas ao marisqueo, ao conferir unha maior proxección temporal no exercicio da actividade.

Por outra banda, a proposta aprobada no Consello da Xunta establece tamén solucións para que determinados segmentos da actividade marisqueira deixen de ter as limitacións de potencia dos motores que tiñan ata a data, respectando sempre a normativa europea.

No tocante ás organizacións do sector, a Lei regula a participación das confrarías, das organizacións de produtores, as cooperativas do sector do mar, as organizacións sindicais e outras entidades asociativas. Neste punto, introduce políticas de igualdade entre homes e mulleres que se dedican á actividade regulada neste texto legal. Trátase de medidas que teñen unha plasmación directa e concreta no establecemento de criterios de igualdade na configuración dos órganos de dirección das confrarías de pescadores. Así mesmo, o Proxecto de Lei regulará, por primeira vez nun texto con rango de lei, o funcionamento do Consello Galego de Pesca.

O texto normativo promove, así mesmo, novas fórmulas de xestión das zonas costeiras galegas coa creación da Axencia de Desenvolvemento Sustentable das Zonas de Pesca e o Turismo Mariñeiro. Deste xeito, séguese a filosofía do eixo prioritario n° 4 do Fondo Europeo da Pesca (2007-2013).

A Axencia Galega de Desenvolvemento Sustentable das Zonas de Pesca será o instrumento básico de actuación da Xunta de Galicia no fomento e coordinación do desenvolvemento das zonas costeiras galegas, para mellorar as condicións de vida dos profesionais do mar e das poboacións costeiras. Entre os seus obxectivos figuran a elaboración de estratexias e plans integrados de coordinación de actuacións nas zonas costeiras; a difusión das políticas e medidas de desenvolvemento costeiro; a dinamización e coordinación dos grupos de acción costeira vinculados á política de desenvolvemento da pesca, o marisqueo e a acuicultura; ou o impulso da formulación por parte destes grupos de iniciativas e programas de desenvolvemento e diversificación das actividades propias do sector.

Fuente: Diario de Arousa



0 comentarios