Mar presenta o anteproxecto de modificación da Lei de Pesca ao Consello Galego de Pesca
- Rosa Quintana presentou o documento aos diferentes axentes do sector para que emitan as súas consideracións, que poderán ser incorporadas no texto final .
- A Consellería solicitou dos membros do Consello Galego de Pesca a súa colaboración para conseguir ter lista a proposta final de modificación da Lei no vindeiro mes de setembro.
- Entre as modificacións recollidas neste documento figuran a reforma do cómputo do período concesional das bateas, a recuperación da figura do permex, e restablécese un maior protagonismo das Confrarías.
A Consellería do Mar, Rosa Quintana, presentou hoxe diante do Consello Galego de Pesca (CGP) o anteproxecto de modificación da Lei de pesca. Trátase dun primeiro borrador que se expón aos diferentes axentes do sector para que emitan as súas consideracións sobre el, que poderán ser incorporadas ao texto final.
Ao remate da xuntanza, a conselleira do Mar incidiu diante dos medios de comunicación na intención do Goberno galego de plantexar esta reforma sobre a base do consenso co propio sector e fixar unha proposta conxunta que se adecúe á realidade e ás demandas do sector pesqueiro, marisqueiro e acuícola. Neste senso sinalou que solicitara dos presentes na reunión “un pequeniño esforzo” durante estas datas do verán de cara a cumprir os prazos establecidos para sacar adiante a reforma definitiva do articulado da Lei no vindeiro mes de decembro.
Comisión de traballo
Para conseguir isto, o Pleno do Consello Galego de Pesca acordou hoxe a constitución dun grupo de traballo que se encargará de recoller as achegas do sector e de elaborar unha proposta global para a redacción final da modificación da Lei. Esta comisión estará formada por representantes dos sectores da Baixura, Altura, Acuicultura, Transformación e Centrais sindicais e o seu obxectivo é poder emitir un dictame coas modificacións da Lei no vindeiro mes de setembro. para que poida entrar a debate no parlamento de Galicia á volta do período vacacional.
Consello da Xunta
Tal e como se informou no Consello da Xunta, que tivo lugar esta mañá, o articulado deste anteproxecto de modificación da actual Lei de Pesca incide de maneira especial en darlle solidez e validez ás confrarías, na modificación do cómputo do período concesional das bateas, e na recuperación da figura do Permex.
O obxectivo desta actuación, que responde a un compromiso do novo goberno, é acadar unha lei consensuada con todos os sectores implicados, dotar á lei de operatividade, modernidade e firmeza e mellorar aqueles aspectos do articulado redactado polo anterior executivo cos que o sector estaba desconforme.
Así, a nova lei devolveralle o protagonismo ás confrarías, dándolles validez e solidez ao manter o seu réxime xurídico diferenciado. O departamento de Rosa Quintana entende que “a súa relevancia, a súa organización , a súa eficacia e a súa eficiencia están demostradas, e son suficientes motivos para elo”.
Respecto ás concesións das bateas, regularanse de forma máis razoable ao modificarase o cómputo do seu período concesional, garantindo así a este sector o mantemento da súa actividade e contribuíndo á mellora da súa competitividade.
Por outra banda, o novo regulamento recupera o permiso de explotación (permex) como título administrativo habilitante para o exercicio da actividade extractiva. Terán validez durante a vida útil da embarcación, sempre que esta reúna as condicións sobre navegabilidade, frotabilidade e seguridade.
Con este articulado Rosa Quintana quere evitar ineficiencias, ineficacias e desaxustes que traería para a Administración a reforma de estructuras como INTECMAR ou o Servicio Galego de Gardacostas, xa que “nestes momentos de crise hai que centrar os esforzos en procurar solucións para o noso mar.”
Ademais, o documento aposta por a triple hélice -administración, sector e investigación- e busca consolidar o equilibrio ambiental, económico e social das actividades marítimo-pesqueiras.
A Consellería do Mar estima que o novo texto modificado poida estar no Parlamento en setembro e dispor da nova Lei de modificación no mes de decembro do presente ano.
Fuente: Xunta.es
0 comentarios