Técnicos da Xunta retoman o proceso de revisión dos parques tras anos de parálise
O proceso de revisión e reordenación dos parques de cultivo de Carril volve reactivarse tras anos de parálise, nunha actuación moi demandada polos propietarios dos viveiros, que teñen sinalado en máis dunha ocasión os perxuizos e dificultades que xeraba esta situación.
Técnicos da Xunta de Galicia personaranse o vindeiro 15 deste mes de abril en Carril para proceder ás tarefas de medición e comprobación daqueles parques que están sometidos a “dúbidas” en canto á súa extensión e outros factores.
Unha laboura na que estarán acompañados de representantes da Agrupación de Parquistas de Carril, que preside José Luis Villanueva, e dos propietarios destes viveiros.
Na zona marítimo-terrestre carrilexa están ubicados en torno aos 95 por cento dos parques de cultivo de bivlavos que existen no conxunto de Galicia, un sector que na localidade arousán da emprego a máis de 600 familias e é todo un polo de desenvolvemento e riqueza económica e laboral na contorna.
En 1991, a Xunta de Galicia declarou de “interese marisqueiro e urxente execución” as tarefas de revisión e reordenación dos parques de cultivo.
Non obstante, case dúas décadas despois, este proceso non está finalizado, o que xera situacións de incertidume e indefensión en propietarios dos viveiros carrilexos. Por elo, a demanda dunha solución global e acaída a esta situación foi sempre unha das reivindicacións da Agrupación de Parquistas.
Por outra parte, desde este mesmo colectivo de propietarios de viveiros carrilexos mantense a alerta ante a presenza de grupos de furtivos que actúan nos viveiros e que ocasionan perdas aos propietarios das concesións.
Desde a agrupación denunciábase hai unhas semanas que este grupo actúa preferentemente de noite, en embarcacións e centrándose principalmente nos viveiros da contorna da illa de Cortegada. “Uns adícanse a vixiar e controlar, mentres outros rouban o marisco, que despois agochan en Cortegada para volver a por el o día despois”, denunciaban os parquistas naquel entón.
Asemade, e noutro orde das cousas, o aumento da temperatura nas augas que se prevé para as vindeiras semanas leva aos propietarios dos parques a irse preparando para a loita contra as diferentes especies depredadoras (coma cornexhas ou estrelas de mar) que se “achegarán” ata os viveiros carrilexos.
0 comentarios