Os parquistas realizaron a primeira sementeira do ano con oito millóns de crías de ameixa
Os parquistas de Carril realizaron na mañán de onte a súa primeira sementeira de cría de ameixa do ano, unha tarefa que neste exercicio se desenvolveu un pouco máis tarde do habitual, debido aos temporais e mal tempo que presideu a Ría de Arousa nas últimas semanas.
Un pedido de en torno ás oito millóns de unidades de ameixa xapónica, feito pola Agrupación de Parquistas de Carril á empresa de confianza coa que traballan, Tinamenor (Cantabria), foi servida na xornada de onte a uns 60 propietarios de viveiros de cultivos de bivalvos, que procederon á súa posterior sementeira.
Desde este colectivo, o seu presidente, José Luis Villanueva, incideu en que esta semente de ameixa xapónica tiña “toda a garantía e calidade” necesarias, procedendo, asemade, dun suministrador de confianza e co que nunca se rexistrou problema algún. Un dato a ter en conta nun mercado, como o da cría de ameixa, onde o “gato por lebre” ao consumidor non é estrano. Algo que, remarcan desde a agrupación, non acontece nos parquistas carrilexos, que avogan por ofrecer o mellor produto.
As crías de xapónica sementadas onte teñen entre 9 e 11 milímetros de tamaño, e terán que pasar preto de dous anos ata que acaden a súa talla comercial. Daquela, este produto (engordado na riqueza das augas de Carril) terá o sabor e o recoñecemento característico que se lle outorga aos bivalvos da localidade.
Pedidos > Desde a Agrupación de Parquistas de Carril sinalan que os pedidos de semente para este ano rondan os 60 millóns de unidades, unha cantidade que será servida polo proveedor de maneira progresiva.
“É unha cría con todos os permisos e garantías, e avalada por unha empresa seria”, remarcan desde a Agrupación carrilexa, un colectivo que hai anos puxo en marcha un proxecto propio de produción e engorde de cría.
Por outra parte, O proceso de revisión e reordenación dos parques de cultivo de Carril volve reactivarse tras anos de parálise, nunha actuación moi demandada polos propietarios dos viveiros, que teñen sinalado en máis dunha ocasión os perxuizos e dificultades que xeraba esta situación.
Técnicos da Xunta de Galicia personaranse mañán en Carril para proceder ás tarefas de medición e comprobación daqueles parques que están sometidos a “dúbidas” en canto á súa extensión e outros factores. Unha laboura na que estarán acompañados de representantes da Agrupación de Parquistas de Carril, que preside José Luis Villanueva, e dos propietarios destes viveiros.
Na zona marítimo-terrestre carrilexa están ubicados en torno ao 95 por cento dos parques de cultivo de bivlavos de Galicia.
Fuente: Diario de Arousa
0 comentarios