Blogia
AGRUPACIÓN PARQUISTAS DE CARRIL

Finaliza a instalación de pantaláns para os mariñeiros en Vilaxoán

Finaliza a instalación de pantaláns para os mariñeiros en Vilaxoán

O ente público Portos de Galicia anunciou que rematará nos vindeiros días os traballos de colocación de tres módulos de pantaláns pilotados, solicitados pola Confraría de Pescadores “Virxe do Rosario” de Vilaxoán, e a subministración e fincado de dous pilotes no pantalán dos Gardacostas da Consellería do Mar.

Estas dúas actuacións foron solicitadas con cargo aos fondos do Plan de Investimentos en obras Menores (PIM) e suporán investimentos duns 41.000 e 13.000 euros respectivamente.

As obras consistiron principalmente na subministración e instalación de tres módulos de pantalán de aluminio mariño de en torno a aproximadamente dous metros e medio de ancho e uns doce de lonxitude, colocación e finca de dous pilotes, unha pasarela de 14 metros e unha porta de acceso ao mesmo de aluminio.

Por outra banda, tamén no porto de Vilaxoán, rermatarán en breve os traballos de colocación e fincado de dous pilotes para o pantalán do Gardacostas da Consellería do Mar, iniciativa da administración autonómica.

Estes traballos, consistiran principalmente na colocación en rocha de dúas tubarías de aceiro a través dunha torre pilotaxe.

Tamén se instalarán no marco deste mesmo proxecto os aneis, rodiños para o deslizamento de cada un dos módulos de pantalán polo pilote.

O ente público Portos de Galicia está a executar obras de infraestrutura e inversións menores nos diferentes portos da provincia de Pontevedra de acordo, indican desde a Xunta de Galicia, coas necesidades dos seus distintos usuarios como son as confrarías, clubs náuticos, asociacións e concesionarios e operadores portuarios, entre outros.

Entre as actuacións realizadas por este programa figuran a reordenación de fondeos, limpezas de fondos mariños, defensas para os peiraos, casetas, remodelación de locais, galpóns e almacéns, pavimentacións e asfaltados de viais portuarios, mantemento e reparación en xeral de portalóns e reparación de superficies en lonxas, vestiarios, entre outros.

Tamén figuran nestas partidas as correspondentes á colocación de alumeados nos portos e edificios de comercialización e venda de peixe, colocación e acondicionamento de escaleiras, tanto nos edificios como nos peiraos.

Segundo as peticións recibidas, a maior parte corresponde ás efectuadas polas confrarías de pescadores.

Fuente: Diario de Arousa

0 comentarios